Our website is made possible by displaying online advertisements to our visitors.
Please consider supporting us by disabling your ad blocker.

Responsive image


Plasmodium

Non confundir coas células ameboides multinucleadas como as dos mofos mucosos, chamadas plasmodios.
Plasmodium

esporozoíto de Plasmodium
Clasificación científica
Reino: Chromalveolata
Superfilo: Alveolata
Filo: Apicomplexa
Clase: Aconoidasida
Orde: Haemosporida
Familia: Plasmodiidae
Xénero: Plasmodium
Especies

Unhas 200

Plasmodium é un extenso xénero de protozoos parasitos apicomplexos. A infección en humanos por estes protozoos denomínase malaria, unha doenza moi estendida nos trópicos. Os parasitos teñen dous hóspedes no seu ciclo vital: un mosquito, que é o vector, e un vertebrado. Distintas especies de Plasmodium infectan o ser humano, outros mamíferos, aves e réptiles. As formas máis comúns de malaria humana están causadas por catro especies: Plasmodium falciparum (a máis perigosa), P. vivax, P. ovale, e P. malariae.

O xénero Plasmodium foi descrito inicialmente en 1885. Actualmente contén unhas 200 especies divididas en varios subxéneros, e especies que antes estaban incluídas noutros xéneros foron agora engadidas a Plasmodium. O parasito crese que se orixinou a partir de dinoflaxelados fotosintéticos.

O ciclo vital destes organismos é moi complexo, e comprende unha secuencia de diferentes estadios tanto no vector coma no hóspede. Alterna entre un mosquito, no que se instala no intestino e nas glándulas salivares, e un vertebrado, no que infecta as células sanguíneas e do fígado. O mosquito inxecta o protozoo coas súas secrecións salivares e recólleo ao zugar sangue do vertebrado. O protozoo durante o seu ciclo de vida no vertebrado presenta distintas morfoloxías, que reciben o nome de esporozoítos, hipnozoítos latentes, merosomas e merozoítos, trofozoítos, esquizontes, gametocitos masculinos e femininos, que son captados por outros mosquitos ao zugar sangue. No intestino do mosquito os gametocitos desenvólvense orixinando gametos, que se fecundan formando cigotos móbiles, que se escapan do intestino, e crecen formando novos esporozoítos que se instalan nas glándulas salivares do mosquito, desde onde o mosquito os inxectará no hóspede vertebrado, iniciándose un novo ciclo.


Previous Page Next Page