Pobo mapuche | |
---|---|
Muller mapuche de Chile. | |
Poboación | |
Poboación total: c 1 900 000 | |
Rexións principais: | |
Chile | 1 745 147 (2017)[1] |
Arxentina | 205 009 (2010)[2] |
Aspectos culturais | |
Lingua | Lingua mapuche e castelán |
Relixión | Cristianismo (Católico e Evanxélico) adaptado ás crenzas tradicionais da relixión mapuche |
Grupos relacionados | Picunches e huilliches |
Os mapuches[3] son un grupo indíxena americano que habitan no sur-centro de Chile e no suroeste da Arxentina. Constitúen un grupo étnico composto por varios grupos que comparten unha estrutura social, relixiosa e económica comúns, así como un patrimonio lingüístico común. A súa influencia estendíase entre o río Aconcagua e o arquipélago de Chiloé, e máis tarde cara ao leste da Pampa arxentina. Os mapuches representan aproximadamente o 4% da poboación chilena,[4] e están particularmente concentrados na rexión de Araucanía e en Santiago de Chile.
O termo mapuche pode referirse a todo o grupo de picunches (xente do norte), huilliches (xente do sur) e moluches ou nguluches da Araucania, ou exclusivamente ós moluches ou nguluches da Araucania. A economía tradicional mapuche baséase na agricultura, a súa organización social tradicional componse de grandes familias, baixo a dirección dun "lonko" ou xefe, aínda que en tempos de guerra, uníanse en grandes grupos e elixían un toqui (do mapudungun toki, que significa machado, ou portador do machado) para lideralos.
A pesar de que os mapuches se mesturaron cos españois durante a época colonial dando orixe a un gran grupo de mestizos na sociedade mapuche de Chile en Araucania e Patagonia, este pobo mantívose independente ata a Ocupación chilena de Araucania e a Conquista do Deserto da Arxentina no século XIX. Hoxe en día, moitas comunidades mapuches están involucradas no chamado conflito mapuche, que reivindica a defensa dos seus dereitos e a devolución das súas terras tanto na Arxentina como en Chile.