Pobo ojibwa | |
---|---|
Xefe ojibwa Sha-có-pay. | |
Poboación | |
Poboación total: 170 742 nos Estados Unidos (2010)[1] | |
Rexións principais: | |
Canadá | Quebec, Ontario e Manitoba |
Estados Unidos | Míchigan, Wisconsin, Minnesota e Dacota do Norte |
Aspectos culturais | |
Lingua | Lingua ojibwa, inglés e francés |
Relixión | Midewiwin, catolicismo e metodismo |
Grupos relacionados | Odawa, potawatomi, oji-cree e outros pobos algonquinos |
Os ojibwa, ojibwe ou chippewa son un pobo indíxena do grupo anishinaabe que habita en América do Norte. Viven no Canadá e nos Estados Unidos e son un dos meirandes grupos étnicos indíxenas ó norte do río Bravo. No Canadá, son a segunda das Primeiras Nacións por poboación, só superados polos cree. Nos Estados Unidos, son o cuarto maior grupo de indíxenas, superados polos navagho, cherokee e os síux.
Tradicionalmente, os ojibwa falan a lingua ojibwa, unha lingua da familia algonquina. Forman parte do concilio de tres lumes e dos anishinaabeg, que inclúen os pobos algonquino, nipissing, oji-cree, odawa e potawatomi.
No Canadá hai 77 940 ojibwas; 76 760 saulteaux e 8 770 mississaugas, organizados en 125 bandas, que viven dende o oeste do Quebec até o leste da Columbia Británica. No ano 2010, os ojibwa dos Estados Unidos sumaban 170 742.[1]
Os ojibwa son coñecidos polas súas canoas de cortiza de bidueiro, a minaría e comercio de cobre e o cultivo de arroz salvaxe. A súa sociedade midewiwin é coñecida e respectada como gardiá da historia oral, cancións, mapas, recordos, historias, xeometría e matemáticas.[2]