Pong é un videoxogo arcade de deportes baseado no tenis de mesa, con gráficos bidimensionais sinxelos. Foi fabricado por Atari e lanzado orixinalmente o 29 de novembro de 1972. É un dos primeiros videoxogos de arcade; foi creado por Allan Alcorn como un exercicio de adestramento que lle encargou o cofundador de Atari Nolan Bushnell, mais Bushnell e o cofundador de Atari Ted Dabney quedaron sorprendidos pola calidade do traballo de Alcorn e decidiron fabricar o xogo. Bushnell baseou o concepto do xogo nun xogo electrónico de ping-pong incluído na Magnavox Odyssey, a primeira consola de videoxogos doméstica. En resposta, Magnavox demandou máis tarde a Atari por infracción de patentes.
Pong foi o primeiro videoxogo con éxito comercial,[1] e axudou, xunto co Magnavox Odyssey, a establecer a industria dos videoxogos. Pouco despois do seu lanzamento, varias compañías comezaron a producir xogos que imitaban este. Finalmente, os competidores de Atari lanzaron novos tipos de videoxogos que se desviaban do formato orixinal de Pong en distintos graos, e isto, á súa vez, levou a Atari a animar o seu persoal a ir máis aló de Pong e producir eles mesmos xogos máis innovadores.
Atari lanzou varias secuelas de Pong que se basean no xogo do orixinal engadindo novas funcións. Durante a tempada de Nadal de 1975, Atari lanzou unha versión doméstica de Pong exclusivamente a través das tendas Sears. A versión doméstica tamén foi un éxito comercial e levou a numerosos clons. O xogo foi reeditado en numerosas plataformas domésticas e portátiles despois do seu lanzamento. Pong forma parte da colección permanente do Instituto Smithsoniano debido ao seu impacto cultural.