Our website is made possible by displaying online advertisements to our visitors.
Please consider supporting us by disabling your ad blocker.

Responsive image


Reconquista

En Vigo celébrase con nome de Reconquista de Vigo unha sublevación popular que se encadra na Guerra da Independencia española.
Escena dunha batalla do libro de cantigas de Afonso X o Sabio

A Reconquista é o nome co que se coñece tradicionalmente ao proceso histórico por medio do cal os reinos cristiáns do norte da Península Ibérica van conquistar progresivamente o al-Ándalus. Considérase que comeza no 722 coa resistencia das sociedades montañesas ó avance dos musulmáns coa Batalla de Covadonga e vai finalizar no 1492 coa conquista do Reino de Granada.

Segundo a historiografía recente o termo reconquista é historicamente inexacto e inapropiado[1], dado que os reinos cristiáns que van conquistar o territorio andalusí constituíronse como sociedades despois da ocupación islámica da península, a pesar dos esforzos dalgúns monarcas peninsulares para presentarse como herdeiros directos do antigo reino visigodo de Toledo. Ademais, segundo esta interpretación actual, reconquista é un concepto parcial, xa que só presenta a visión cristiá deste complexo proceso histórico, obviando o punto de vista dos andalusís. Polo tanto tense suxerido como denominacións alternativas Conquista cristiá, Conquista feudal de al-Ándalus, ou directamente Colonización feudal da Península Ibérica, entre outros nomes.

Fai falla ter presente tamén que a colonización de al-Ándalus non é un feito exclusivo hispánico, xa que se explica nun contexto europeo caracterizado pola expansión da sociedade feudal dende o núcleo orixinal do Feudalismo, ó centre de Europa occidental, cara a periferia, sendo así un proceso histórico que responde ós mesmos parámetros que outros procesos contemporáneos como a conquista e colonización inglesa de Irlanda, a expansión alemá ó leste do río Elba (proceso coñecido co termo ideolóxico de Drang nach Osten ou “Marcha ó leste”), e a expansión franca a Terra Santa mediante as Cruzadas e a creación do Reino de Xerusalén, entre outros.

  1. Garcia Fitz, Francisco (25/03/2009). "La reconquista: un estado de la cuestión" (PDF). Clio y Crimen (en castelán) (6): 142–215. ISSN 1698-4374. Consultado o 02/03/2018. 

Previous Page Next Page