Rei Pescador, Rei Tolleito ou Rei Ferido é un personaxe que aparece nas lendas artúricas como o derradeiro dunha estirpe de protectores do Santo Graal. Hai distintas versións sobre a súa historia e varían bastante, porén, en todas elas o rei está eivado na perna ou nas éngoas e é incapaz de se mover por si só.
Ó estar mancado, o seu reino tamén sofre xunto a el. A impotencia do rei tradúcese nunha perda de fertilidade do reino e isto convérteo nunha paraxe desolada. Varios Cabaleiros chegan ó reino do Rei Pescador para tentar curalo, mais só o elixido poderá acadar tal fazaña. Nas primeiras historias, o elixido é Perceval, mentres que noutras, únenselle Galahaz e Bors.
Algúns relatos artúricos falan de dous reis pescadores que viven no mesmo castelo, pai e fillo (ou avó e neto). O máis vello fica dentro do castelo pola seriedade das súas feridas e porque só o Santo Graal o sustenta. O máis novo pode saír e recibir hóspedes.