Rickettsia é un xénero de bacterias gramnegativas non móbiles e non formadoras de esporas, moi pleomórficas, que poden ter forma de coco (de 0,1 μm de diámetro), bacilo (de 1–4 μm de longo) ou filamentosa (de 10 μm de longo). Son parasitos intracelulares obrigados, polo que a supervivencia de Rickettsia depende da súa entrada, crecemento e replicación dentro do citoplasma dunha célula eucariota hóspede (xeralmente unha célula endotelial).[8]
Debido a este tipo de parasitismo, Rickettsia non pode vivir en medios artificiais con nutrientes e hai que cultivala en cultivos de embrións (xeralmente ovos de polo embrionados) ou de tecidos biolóxicos. O método de cultivo das Rickettsia en embrións de polo inventouno Ernest William Goodpasture e os seus colegas na década de 1930. No pasado, cando non se coñecía o suficiente delas, foron situadas a medio camiño entre os virus e as bacterias. Porén, a diferenza dos xéneros bacterianos Chlamydia, Mycoplasma, e Ureaplasma, os organismos Rickettsiales posúen verdadeiras paredes celulares similares ás das outras bacterias gramnegativas.[9] A maioría das Rickettsia son susceptibles aos antibióticos do grupo das tetraciclinas.
As especies de Rickettsia son transportadas por moitas especies de carrachas, pulgas, e piollos, e causan enfermidades en humanos como por exemplo o tifo exantemático, varíola rickettsial[10], febre botonosa[10], febre manchada das Montañas Rochosas, ou a febre manchada da illa Flinders.[11] Tamén foron asociadas con diversas enfermidades de plantas. Unha vez dentro da célula hóspede a bacteria multiplícase ata encher todo o citoplasma, entón a célula esboura, liberando a proxenie ao medio circundante, onde infectan máis células.[12]
O nome do xénero procede do investigador Howard Taylor Ricketts (1871–1910), que estudou a febre manchada das Montañas Rochosas en Montana, e que finalmente acabou morrendo de tifo ao estudar esa enfermidae en México. O nome rickettsia úsase ás veces en sentido amplo para referirse a todas as Rickettsiales.
As rickettsias poden ser as bacterias vivas máis próximas ás antigas bacterias que orixinaron por endosimbiose as mitocondrias das células eucariotas.
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome dico