Supermarine Seafire | |
---|---|
Tipo | caza embarcado |
Fabricante | Supermarine |
Primeiro voo | 7 de xaneiro de 1942 |
Estado | retirado |
Principais usuarios | Royal Navy Mariña Nacional de Francia Corpo Aéreo de Irlanda Mariña Real do Canadá |
Unidades construídas | 2 646 |
O Supermarine Seafire é unha versión naval do Supermarine Spitfire adaptada para operar dende portaavións. Era análogo en concepto ao Hawker Sea Hurricane, unha versión navalizada do compañeiro do Spitfire, o Hawker Hurricane. O nome Seafire é a abreviación do máis longo Sea Spitfire.[1]
A idea de adoptar unha versión embarcada do Supermarine Spitfire xa fora discutida polo Almirantado en maio de 1938. A pesar da necesidade urxente de substituír varios tipos de avións obsoletos que aínda operaban coa Fleet Air Arm (FAA), algúns opuxéronse á idea, como Winston Churchill, aínda que esas disputas foron a miúdo un resultado de dar prioridade a produción de Spitfire baseados en terra. Durante 1941 e principios de 1942 o concepto foi impulsado novamente polo Almirantado, culminando nun lote inicial de cazas Seafire Mk Ib que foron entregados a finais de 1941, que foron usados principalmente para que os pilotos gañasen experiencia operando o tipo no mar. Aínda que había preocupación sobre a pouca resistencia do seu tren de aterraxe, que non fora reforzada como se fai con moitos avións embarcados, o seu rendemento considerouse aceptable.
A partir de 1942 pedíronse rapidamente máis modelos de Seafire, incluído a primeira variante operacionalmente viable, o Seafire F Mk III. Isto fixo que o tipo se extendese rapidamente na FAA. En novembro de 1942 o Seafire entrou en combate por vez primeira durante a Operación Torch, os desembarcos aliados no Norte de África. En xullo de 1943 o Seafire usouse para proporcionar cobertura aérea á invasión aliada de Sicilia, e repetiu ese rol no mes de setembro na posterior invasión de Italia. Durante 1944 o Seafire usouse en boas cantidades para proporcionar apoio aéreo á forzas de terra aliadas durante o desembarco de Normandía e a Operación Dragón no sur de Francia. Durante a segunda metade de 1944 o Seafire formou parte da compoñente aérea da Frota Británica do Pacífico, onde rapidamente demostrou ser un interceptor capaz contra os temidos ataques kamikaze dos pilotos xaponeses que se volveran cada vez máis comúns nos últimos anos da guerra no Pacífico.
O Seafire continuou sendo utilizado durante algún tempo tras rematar a guerra. A FAA optou por retirar rapidamente todos os seus Seafire con motores Merlin e substituílos por avións con motores Griffon. O tipo combateu durante a guerra de Corea, durante a cal os Seafire da FAA realizaron centos de misións de ataque ao chan e de patrulla aérea contra as forzas de Corea do Norte durante 1950. O Seafire foi retirado do servizo durante os anos 50. No servizo coa FAA o tipo foi substituído polo máis novo Hawker Sea Fury, o derradeiro caza con motores de pistóns usado por ese corpo, e pola primeira xeración de cazas a reacción embarcados, como o de Havilland Vampire, o Supermarine Attacker, e o Hawker Sea Hawk.