Un torque[1][2] é un colar ríxido semicircular feito de metal dunha soa peza ou de fíos retorcidos entre si. A gran maioría dos torques están abertos na parte dianteira, aínda que algúns teñen pechaduras de gancho e aneis ou teñen caixa e espiga para pechalos. Moitos parecen deseñados para un uso case permanente e debían ser difíciles de quitar.
Descubríronse torques nas culturas escita, iliria,[3] tracia e celta, así como noutras culturas da Idade de Ferro de Europa entre os séculos -VIII a III. Para os celtas da Idade de Ferro, o torque de ouro parece ser un obxecto clave. Identificaba o seu portador, ao parecer xeralmente feminino ata o século -III, e despois de sexo masculino, como unha persoa de alto rango, e moitas das mellores obras da antiga arte celta son torques. Os torques celtas desapareceron no período das invasións bárbaras, mais durante a era viquinga os colares de metal estilo torque, principalmente feitos de prata, volveron estar de moda.[4] Colares semellantes tamén forman parte dos estilos de xoias doutras culturas e períodos.