O touro de Creta foi un touro mítico que debía capturar Heracles, vivo, en cumprimento do seu sétimo traballo.
Heracles, para ser purificado tralo asasinato dos seus fillos, acto cometido ó volverse louco por culpa de Hera, inimiga de Heracles por celos [1], tivo que acometer doce traballos que lle encomendara o seu primo Euristeo. Neste caso tratábase de capturar o Touro de Creta e levalo vivo a Micenas. Con este traballo comezan os que tivo que realizar fóra do Peloponeso, onde levara a cabo os seis traballos anteriores.
Os distintos autores discretan respecto á orixe do animal. Segundo uns [2], foi aquel touro inmaculadamente branco que raptou a Europa, filla do rei de Tiro, por encargo de Zeus [3]. Segundo outros, como Hixino, foi o touro que saíu do mar, por obra de Poseidón para que Minos, rei de Creta, o sacrificase na súa honra, pero como Minos gardouno como semental para os seus rabaños e sacrificou outro de menos valor no seu lugar, Poseidón vingouse volvéndoo salvaxe [4].
En calquera caso, era o animal salvaxe que devastaba Creta e arrasaba os campos, botando lume polas ventas, e o que debía capturar Heracles.
Heracles pediu axuda a Minos pero este negouse, e só autorizou a que o capturase se o facía el só [5]. Ó final puido facelo e regresou con el ata Micenas, atravesando o mar a nado, sobre o lombo do animal. Cando o entregou a Euristeo, este quixo sacrificalo en honor a Hera, pero a deusa negouse por proceder da man de Heracles, e non sabendo que facer con el, Euristeo soltouno. O touro rematou chegando a Maratón, na Ática (quizais guiado pola propia Hera), onde seguiu facendo estragos ata que o capturou Teseo e o sacrificou en honor de Apolo ou de Atenea.