Trypanosoma | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Trypanosoma sp. entre células sanguíneas | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
|
O Trypanosoma (tripanosoma) é un xénero de protistas cinetoplástidos (clase Kinetoplastida), un grupo monofilético[1] de protozoos unicelulares parasitos flaxelados. O nome deriva do grego trypano (broca) e soma (corpo) porque se moven cun movemento en espiral como un sacarrollas. Todos os tripanosomas requiren máis dun hóspede obrigatorio para completar o seu ciclo de vida e transmítense por medio dun animal vector. A maioría das especies son transmitidas por invertebrados hematófagos, pero utilizando diferentes mecanismos segundo as especies. No hóspede invertebrado atópanse xeralmente no intestino, e no hóspede vertebrado aparecen normalmente no sangue ou dentro das células.
Os tripanosomas infectan unha variedade de hóspedes e causan varias doenzas, entre as cales hai doenzas humanas importantes como a enfermidade do sono (ou tripanosomíase africana), causada polo Trypanosoma brucei, e a enfermidade de Chagas, causada polo Trypanosoma cruzi.
O xenoma mitocondrial do Trypanosoma, e a doutros cinetoplástidos, coñecido como cinetoplasto, está feito dunha serie complexa de círculos concatenados e minicírculos e require un conxunto de proteínas para a súa organización durante a división celular.