Unha unidade de medida é unha cantidade estandarizada dunha determinada magnitude física, definida e adoptada por convención ou por lei.[1] Calquera valor dunha cantidade física pode expresarse como un múltiplo da unidade de medida.
Unha unidade de medida toma o seu valor a partir dun patrón ou dunha composición doutras unidades definidas previamente. As primeiras unidades coñécense como unidades básicas ou de base (fundamentais), mentres que as segundas chámanse unidades derivadas.[2]
Un conxunto de unidades de medida no que ningunha magnitude teña máis dunha unidade asociada é denominado sistema de unidades.[3]
Todas as unidades denotan cantidades escalares. No caso das magnitudes vectoriais, interprétase que cada un dos compoñentes está expresado na unidade indicada.[1]