A violencia contra as mulleres é, de xeito colectivo, actos violentos cometidos contra as mulleres. Este tipo de violencia é exercida contra a muller explicitamente por ser muller. A Declaración sobre a eliminación da violencia contra a muller da Asemblea Xeral das Nacións Unidas afirma que:
«A violencia contra as mulleres é unha manifestación de relacións de poder historicamente desiguais entre varóns e mulleres» e que «a violencia contra as mulleres é un dos mecanismos sociais cruciais polos cales as mulleres son forzadas a unha posición subordinada en comparación cos varóns».[1]
Kofi Annan, secretario xeral das Nacións Unidas, declarou nun informe de 2006 publicado na web do Fondo de Desenvolvemento das Nacións Unidas para a Muller (UNIFEM) que:
A violencia contra as mulleres e nenas é un problema de proporcións pandémicas. Polo menos unha de cada tres mulleres en todo o mundo foi golpeada, coaccionada no sexo ou abusada doutro xeito na súa vida co abusador, polo xeral, alguén coñecido por ela.[2]
A violencia contra as mulleres pode encaixar en varias categorías amplas. Algunhas das formas de violencia son a violación, a violencia doméstica, o acoso sexual, infanticidio feminino, selección prenatal do sexo, os asasinatos de honor, a violencia do dote, a mutilación xenital feminina, a lapidación, a desfiguración, a escravitude sexual, a trata de mulleres, a prostitución, a pornografía, a xestación por substitución, o matrimonio por secuestro, forzado e concertado, as propias imposicións do xénero (submisión, subordinación, pasividade, debilidade...), entre outras.[3]
A Organización Mundial da Saúde (OMS), na súa investigación da violencia contra as mulleres, analizou e categorizou as diferentes formas da violencia contra as mulleres en todos os estadios da vida dende antes do nacemento á velleira.[4]
Nos últimos anos, houbo unha tendencia de achegamento á violencia contra as mulleres a nivel internacional, mediante ferramentas como convencións; ou, na Unión Europea, a través de directivas, como a directiva en contra do acoso sexual[5] e a directiva en contra do tráfico de persoas.[6]