En fonética, unha vogal (do latín vocalis) é un son da lingua falada que se produce ó expulsar aire, habitualmente mais non necesariamente facendo vibrar asemade as cordas vocais, e ó modificar o timbre, sen oclusión nin fricación, mediante a distinta posición que adopten os órganos da boca e do nariz no caso das vogais nasais e nasalizadas.
As consoantes, pola súa banda, diferéncianse das vogais por unha constrición ou pechazón nun ou varios puntos do tracto bucal e/ou nasal.
Tamén se pode definir a vogal como núcleo silábico. Esta definición permite non só opolas ás consoantes, que son marxes silábicas, senón tamén ás semiconsoantes ou semivogais (vogais pechadas que actúan coma marxe nun ditongo).
Así a todo, nalgunhas linguas é posible que as consoantes sonoras, laterais ou vibrantes, formen núcleo silábico como o l de table en inglés (o -e final non se pronuncia) ou o son r' (vrba) en checo.
En definitiva, as vogais son articulacións abertas, nas cales o aire sae ó exterior sen obstrucións e sen que se produza ningún ruído no tracto vocal. Durante a súa emisión os órganos articulatorios deixan unha canle máis ou menos ampla sen que ningún órgano se interpoña na corrente de aire en vibración.
Para o estudo dos sons vocálicos téñense en conta os trazos de abertura, localización, labialización e nasalidade.