|
O zen (en chinés: 禪, pinyin: Chán, en chinés medio: dʑjen) é unha escola do budismo mahāyāna que xurdiu na China durante a dinastía Tang como Chán. Foi fortemente influenciado polo taoísmo, e desenvolveuse como un estilo chinés do budismo. Dende a China, o Chán espallouse polo sur cara a Vietnam, ó nordeste a Corea e ó leste ó Xapón, onde pasou a coñecerse como zen xaponés.[1]
O zen céntrase na práctica rigorosa da meditación, o coñecemento da natureza de Buda, e a expresión deste coñecemento na vida diaria, especialmente para o beneficio doutros.[2][3] Por iso, pon menos énfase no coñecemento de sutras e a doutrina,[4][5] favorecendo o entendemento a través de zazen e a interacción cun mestre consumado.[6]
O ensino do zen inclúe varias fontes de pensamento Mahāyāna, especialmente Yogācāra, os Sutras Tathāgatagarbha e a Huayan.[7][8] A literatura Prajñāpāramitā[9] e, en menor grao, Madhyamaka, tamén tiveron influencia na conformación da "lingua paradóxica" da tradición zen.