A Raia é o nome informal co cal se coñece tradicionalmente a fronteira terrestre entre España e Portugal. Dunha forma máis ampla, A Raia é igualmente o espazo xeográfico, a ambos os lados da fronteira política, en que a poboación comparte uns mesmos elementos históricos, culturais, económicos e mesmo lingüísticos por veces.
Na parte galego-portuguesa é frecuente distinguir entre a fronteira hidrográfica e a trazada na terra. Así, a raia húmida coincide co curso do río Miño na provincia de Pontevedra (Baixo Miño, O Condado e A Paradanta), mentres que a raia seca se corresponde co sur da provincia de Ourense (Terra de Celanova, Baixa e Alta Limia, val de Monterrei e As Frieiras)[1].