Os alamanos[1] (en alemán Alemannen) eran un conxunto de tribos xermanas suevas establecidas no bordo sur medio e inferior do río Elba, ao longo do río Main onde foron mencionados por primeira vez por Dión Casio no 213 na campaña que realizou Caracalla contra eles.[2]
Os alamanos ocuparon os Agri Decumates en 260, e despois expandíronse á actual Alsacia e norte de Suíza, o que levou á implantación do antigo idioma alto alemán neses territorios, que foi denominado como Alamania durante o século VIII. No 496, os Alamanos foron vencidos polos francos de Clodoveo que incorpora as súas terra ao seu reino. Dende ese momento, aparecen como os aliados pagáns dos francos cristiáns e foron, á súa vez, cristianizados durante o século VII.
Aínda que hai pouca información sobre deles por parte dos autores romanos, a idea actual é que cómpre falar máis ben dunha "confederación",[3] con varios pobos e reis, que dun pobo único e cohesionado baixo unha monarquía.