Animais (Animalia vel Metazoa) Rango fósil: ediacárico - actualidade | |||||
---|---|---|---|---|---|
Diversos tipos de animais | |||||
Clasificación científica | |||||
| |||||
Subreinos | |||||
Un animal (do latín animus, "espírito", ou "principio vital") é, segundo a clasificación clásica, un ser vivo heterótrofo, é dicir, que se alimenta de substancias orgánicas. Hoxe en día resérvase o termo animais aos seres complexos e multicelulares, aínda que durante moito tempo se consideraban tamén os protozoos como animais unicelulares.
Nas clasificacións científicas dos seres vivos modernas, o reino dos animais constitúe un amplísimo grupo de organismos cuxo taxon se denomina Animalia [1][2], creado orixinalmente por Linné en 1758, ou ben Metazoa, sinónimo creado por Haeckel en 1874. Calquera que sexa o termo empregado, ou calquera que sexa a clasificación considearada (sistemática evolucionista ou cladista), os animais son consensuadamente descritos como organismos eucariotas, heterótrofos, pluricelulares e tisulares caracterizados pola súa capacidade para a locomoción, pola ausencia de clorofila e de parede nas súas células e polo seu desenvolvemento embrionario, que atravesa unha fase de blástula e determina un plan corporal fixo (aínda que moitas especies poden sufrir posteriormente metamorfoses).
Os animais forman un grupo natural estreitamente emparentado cos fungos (Fungi) e as plantas (Plantae). É un dos catro reinos do dominio Eukaryota, e a el pertence o ser humano.
A mobilidade é a característica que máis chama a atención dos membros do reino dos animais, pero non é exclusiva do grupo, o que dá lugar a que sexan nomeados a miúdo como animais certos organismos que pertencen ao reino dos protistas (Protista). (Véxase protistas e protozoos).
Na fala coloquial emprégase o termo animal contrapoñéndoo ao termo humano, pero débese ter en conta que desde o punto de vista científico o ser humano é unha especie máis do reino Animalia.