Arquitectura do Renacemento ou renacentista é aquela deseñada e construída durante o período artístico do Renacemento europeo, que abarcou os séculos XV e XVI, aínda que hai quen xa non considera propiamente renacentista a arte e arquitectura posterior ao saqueo de Roma. Caracterízase por ser un momento de ruptura na historia da arquitectura, en especial con respecto ao estilo arquitectónico previo: o gótico; mentres que, pola contra, busca a súa inspiración nunha interpretación propia da arte clásico, en particular na súa vertente arquitectónica, que se consideraba modelo perfecto das Belas Artes.
Produciu innovacións en diferentes esferas: tanto nos medios de produción (técnicas de construción e materiais construtivos) como na linguaxe arquitectónica, que se plasmaron nunha adecuada e completa teorización.
Outra das notas que caracteriza este movemento é a nova actitude dos arquitectos, que pasaron do anonimato do artesán a unha nova concepción da profesionalidade, marcando en cada obra o seu estilo persoal: considerábanse, e acabaron por conseguir esa consideración social, artistas interdisciplinares e humanistas, como correspondía á concepción integral do humanismo renacentista. Coñecemos pouco dos mestres de obras románicos e dos atrevidos arquitectos das grandes catedrais góticas; mentres que non só as grandes obras renacentistas, senón moitos pequenos edificios ou mesmo meros proxectos, foron coidadosamente documentados desde as súas orixes, e obxecto do estudo de tratadistas contemporáneos.
O espírito renacentista trata de evocar as calidades intrínsecas do ser humano. A idea de progreso do home - científico, espiritual, social - faise un obxectivo importante para o período. A antigüidade clásica redescoberta e o humanismo xorden como unha guía para a nova visión de mundo que se manifesta nos artistas do período.
A cultura renacentista móstrase multi-disciplinar e inter-disciplinar. O que lle importa ao home renacentista é o culto ao coñecemento e á razón, non habendo para el separación entre as ciencias e as artes. Esa cultura mostrouse un campo fértil para o desenvolvemento da Arquitectura dese tempo.
A arquitectura renacentista mostrouse clásica, pero non pretendeu ser neoclásica, no senso de volver ser soamente clásica. Co descubrimento dos antigos tratados (incompletos) da arquitectura clásica (de entre os cales, o máis importante foi De Architectura de Vitruvio, base para o tratado De re aedificatoria de Alberti), deuse marxe a unha nova interpretación daquela arquitectura e da súa aplicación aos novos tempos. Os coñecementos construtivos obtidos durante o período medieval (como o control das diferentes cúpulas e arcadas) foron aplicados de xeitos novos, incorporando os elementos da linguaxe clásica.
O descubrimento da perspectiva é un aspecto importante para entender o período (especialmente o da perspectiva cónica): a idea de infinito relacionada co concepto do punto de fuga, foi profusamente utilizada como ferramenta escénica na concepción espacial daqueles arquitectos. A perspectiva representou un novo xeito de entender o espazo como algo universal, comprensible e controlable mediante a razón. O debuxo fíxose o principal medio de deseño arquitectónico, alén dun apoio fundamental para a escultura e outras artes, e un feito fundamental para que xurda a figura do arquitecto singular (concepción moi diferente da colectiva dos mestres de obra medievais). Os novos métodos de deseñar proxectos influíron na concepción espacial dos edificios, xa que as percepcións visuais podían ser controladas e salientadas desde puntos de vista específicos. Poder representar fielmente a realidade mediante a perspectiva non se limitou a só describir as experiencias coñecidas, senón tamén a anticipalas posibilitando proxectar imaxes de características realistas.
Entre os principais arquitectos do Renacemento inclúense Vignola, Alberti, Brunelleschi e Miguel Anxo.