Auga

Auga
Unha pinga de auga e a depresión cóncava tralo rebote dun obxecto caído na superficie líquida da auga.
Unha pinga de auga e a depresión cóncava tralo rebote dun obxecto caído na superficie líquida da auga.
Un bloque de auga sólida (xeo)
Un bloque de auga sólida (xeo)
As nubes na atmosfera terrestre condénsanse a partir do vapor de auga gasoso.
As nubes na atmosfera terrestre condénsanse a partir do vapor de auga gasoso.
A auga é un elemento esencial para manter as nosas vidas. O acceso á auga potable reduce a expansión de numerosas enfermidades infecciosas. Necesidades vitais humanas, como o abastecemento de alimentos, dependen dela. Os recursos enerxéticos e as actividades industriais que necesitamos tamén dependen da auga.[1]
H2O, molécula de auga.
Diagrama da molécula de auga coas dimensións.

A auga (fórmula química H2O) é unha substancia química inorgánica, transparente, insípida, inodora e case incolora, que é o principal constituínte da hidrosfera terrestre e dos fluídos de todos os organismos vivos coñecidos (no que actúa como disolvente).[2]). É vital para todas as formas de vida coñecidas, aínda que non proporciona alimento, enerxía nin micronutrientes orgánicos. A súa fórmula química, H2O, indica que cada unha das súas moléculas conteñen un átomo de osíxeno e dous de hidróxeno, conectados por enlaces covalentes.[3] Os átomos de hidróxeno están unidos ao átomo de osíxeno nun ángulo de 104,45°.[4] "Auga" tamén é o nome do estado líquido do H2O a temperatura e presión estándar.

O termo auga refírese xeralmente á substancia no seu estado líquido, aínda que se pode atopar na súa forma sólida, chamada xeo, e na súa forma gaseosa, chamada vapor.[3] A auga é abundante no Universo, inclusive na Terra, onde cobre aproximadamente o 71 % da superficie da codia terrestre.[5] Localízase principalmente nos océanos, onde se concentra o 96,5 % do total. Os glaciares e os casquetes polares representan o 1,74 %, mentres que os depósitos subterráneos, o permafrost e os glaciares continentais representan o 1,72 %. O 0,04 % restante distribúese en orde decrecente entre lagos, humidade do solo, atmosfera, encoros, ríos e é o maior constituínte dos fluídos dos seres vivos[6]

As temperaturas do planeta permiten a ocorrencia da auga nos seus tres estados físicos principais, pasando dun estado a outro nun ciclo continuo. A auga líquida, que en pequenas cantidades é incolora, mais en grandes volumes manifesta unha coloración azulada, pode atoparse como auga doce (en ríos, lagos, e montañas), ou como auga salgada nos mares e océanos que cobren case tres cuartos da superficie do planeta. No estado sólido, as masas de xeo concéntranse principalmente nas rexións polares e, no estado gasoso, o vapor de auga forma parte da atmosfera terrestre. A 0 °C (273 aproximadamente na escala Kelvin) atópase en estado sólido como xeo, e ferve a aproximadamente a 100 °C. O punto de xeación* espontánea atópase preto dos 233 K.[Cómpre referencia]

A auga posúe unha serie de características peculiares, coma a dilatación anómala, a alta calor específica e a capacidade de disolver un gran número de substancias. De feito estas peculiaridades favoreceron o xurdimento nos océanos primitivos da vida e a súa evolución. Tódolos seres vivos existentes precisan dela para a súa supervivencia, constituíndo a base de todo organismo pluricelular. A maior parte dos animais e vexetais conteñen unha alta porcentaxe de auga, e son poucas as especies que poden sobrevivir nos lugares onde esta é escasa (desertos e outras zonas áridas).

Na natureza nunca se atopa en estado puro, senón mesturada con minerais e outras moitas substancias. Aínda que os océanos cobren a maior parte da superficie terrestre, a súa auga é inadecuada para o consumo humano por culpa da súa salinidade. Só unha pequena fracción dispoñíbel sobre a superficie dos continentes que contén poucos sales disolvidos, a auga doce, é apta para o consumo directo. Con todo, a súa distribución non é uniforme, o que fai que diversas rexións sufran de escaseza hídrica. As actividades humanas, principalmente a agricultura, necesitan grandes cantidades de auga que, ao seren retiradas do seu leito natural superficial ou dos acuíferos subterráneos, ten afectado negativamente na súa distribución sobre os continentes.

A polución hídrica prexudica a calidade da auga e, xa que logo, a biodiversidade, o abastecemento de auga e a produción de alimentos. Ademais, unha parte considerábel da poboación mundial aínda non ten acceso á auga potábel, o que trae diversos problemas de saúde. A auga é indispensábel no modo de vida da humanidade, de forma que está fortemente ligada á cultura de tódolos pobos da Terra. Diante dos problemas derivados do mal uso dos recursos hídricos, xorde unha nova consciencia de que é necesario utilizar a auga racionalmente.

A auga ten un importante papel en múltiples ámbitos: en bioloxía debido á xa mencionada importancia para a vida, en química pola súa composición e por ser unha molécula bipolar e de pH neutro, en xeoloxía polo seu importante papel na erosión das rochas etc.

A auga xoga un papel importante na economía mundial. Aproximadamente o 70% da auga doce utilizada polos humanos destínase á agricultura.[7] A pesca en masas de auga salgada e doce é unha fonte importante de alimentos para moitas partes do mundo xa que proporciona o 6,5 % das proteínas mundiais.[8] Gran parte do comercio de longa distancia de produtos básicos (como o petróleo, o gas natural e os produtos manufacturados) levanse a cabo en barcos a través de mares, ríos, lagos e canles. Así mesmo utilízanse grandes cantidades de auga, xeo e vapor para a refrixeración e a calefacción, tanto na industria como nos fogares. A auga é un excelente disolvente para unha gran variedade de substancias tanto minerais como orgánicas; como tal, utilízase amplamente nos procesos industriais e na cociña e o lavado. A auga, o xeo e a neve tamén son fundamentais para moitos deportes e outras formas de entretemento, como a natación, a navegación de recreo, as carreiras de barcos, o surf, a pesca deportiva, o mergullo, a patinaxe sobre xeo e o esquí.

  1. Annan, Kofi A. op. cit., prefacio V.
  2. "Water Q&A: Why is water the "universal solvent"?". Water Science School. United States Geological Survey, U.S. Department of the Interior. 20 de xuño de 2019. Arquivado dende o orixinal o 6 de febreiro de 2021. Consultado o 22 de agosto do 2022. 
  3. 3,0 3,1 Campbell, Neil A.; Reece, Jane B. (2007). Biología (en castelán). Ed. Médica Panamericana. ISBN 9788479039981. Consultado o 23 de agosto do 2022. 
  4. "10.2: Hybrid Orbitals in Water". Chemistry LibreTexts (en English). 18 de marzo de 2020. Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo do 2022. Consultado o 22 de agosto do 2022. 
  5. "CIA – The world factbook". Central Intelligence Agency. Arquivado dende o orixinal o 5 de xaneiro de 2010. Consultado o 23 de agosto do 2022. 
  6. "Earth's water distribution". U.S. Geological Survey. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 23 de agosto do 2022. 
  7. Baroni, L.; Cenci, L.; Tettamanti, M.; Berati, M. (2007). "Evaluating the environmental impact of various dietary patterns combined with different food production systems". European Journal of Clinical Nutrition 61 (2). pp. 279–286. PMID 17035955. doi:10.1038/sj.ejcn.1602522. 
  8. Troell, Max; Naylor, Rosamond L.; Metian, Marc; Beveridge, Malcolm; Tyedmers, Peter H.; Folke, Carl; Arrow, Kenneth J.; Barrett, Scott; Crépin, Anne-Sophie; Ehrlich, Paul R.; Gren, Åsa (2014-09-16). "Does aquaculture add resilience to the global food system?". Proceedings of the National Academy of Sciences (en inglés) 111 (37): 13257–13263. Bibcode:2014PNAS..11113257T. ISSN 0027-8424. PMC 4169979. PMID 25136111. doi:10.1073/pnas.1404067111. 

Auga

Dodaje.pl - Ogłoszenia lokalne