Bacterias

As bacterias[1] ou bacterios[2] son organismos unicelulares procariontes, que se poden atopar illados ou en colonias. Pertencen ao reino Monera e constitúen un dos dominios dos seres vivos.

Este microorganismo está constituído soamente por unha célula, non ten un verdadeiro núcleo celular, e xeralmente carece de orgánulos membranosos[3]. Foron descubertas por Antoni van Leeuwenhoek en 1683, e clasificadas inicialmente entre as plantas. En 1894, Ernst Haeckel incluíunas no reino Protista, e actualmente as bacterias compoñen un dos tres Dominios do sistema de clasificación cladístico. Antes todos os procariotas eran considerados bacterias e vulgarmente, utilizase o termo "bacteria" para designar tamén as archaebacteria, que actualmente constitúen un dominio separado (Archaea)[4], pero, falando con rigor, bacteria hoxe non é sinónimo de procariota. As cianobacterias (as algas azuis) son actualmente consideradas dentro do dominio Bacteria.[4]

As bacterias son normalmente microscópicas ou submicroscópicas (estas últimas detectábeis só ao microscopio electrónico), con dimensións máximas tipicamente da orde dos 0,5 a 5 micrómetros. Excepcións son unha bacteria illada no tubo dixestivo dun peixe, a Epulopiscium fishelsoni, co tamaño do punto final desta frase, ou a Thiomargarita namibiensis, que chega aos 0,75 mm de longo, o que supera a moitas células eucariotas.[5]

A maioría das bacterias non foron aínda caracterizadas e só a metade dos filos bacterianos teñen especies que se poidan cultivar no laboratorio.[6] O estudo das bacterias chámase bacterioloxía.

As bacterias estaban entre as primeiras formas de vida que apareceron na Terra, e están presentes practicamente en todos os hábitats, crecendo no chan, auga, fontes termais ácidas, residuos radioactivos,[7] e a grandes profundidades na codia terrestre, e tamén na materia orgánica e nos corpos dos seres vivos, onde constitúen magníficos exemplos de mutualismo, como as que viven nos tractos dixestivos humanos, de ruminantes, de térmites e de cascudas. En 1998 atopáronse bacterias vivindo na estación espacial Mir, que lograron vivir en ingravidez na humidade condensada entre os paneis da nave.[8]

Normalmente hai uns 40 millóns de bacterias nun gramo de solo e un millón nun mililitro de auga doce; en conxunto considérase que debe de haber 5×1030 bacterias na Terra,[5] que forman unha biomasa que supera a de todas as plantas e animais xuntos.[9] As bacterias son vitais para a reciclaxe de nutrientes, e moitos dos pasos do ciclo dos nutrientes dependen destes organismos, como no caso da fixación do nitróxeno atmosférico e a putrefacción. Nas comunidades biolóxicas que rodean as fontes hidrotermais e surxencias frías, as bacterias proporcionan os nutrientes necesarios para soster a vida doutros organismos ao converteren os compostos disolvidos como sulfuro de hidróxeno e metano. En 2013, obtivéronse datos da foxa das Marianas que suxiren que as bacterias poden prosperar a esas profundidades, que son as maiores da Terra.[10][11] Outros investigadores informaron que estes microbios poden vivir dentro das rochas da codia terrestre oceánica situadas a case 600 m de profundidade desde o fondo do mar.[10][12]

Hai aproximadamente dez veces máis células bacterianas na flora humana que células do noso propio corpo, sobre todo na pel e na flora intestinal.[13] A gran maioría das bacterias do noso corpo son inofensivas e mesmo algunhas son beneficiosas. Porén, unhas poucas especies de bacterias son patóxenas e causan enfermidades infecciosas, como o cólera, sífilis, tuberculose, lepra, ou a peste bubónica.[14] As enfermidades infecciosas trátanse con antibióticos, que se usan tamén na gandería e agricultura, polo que se está dando o fenómeno crecente da resistencia a antibióticos polo mal uso e abuso dos mesmos. Na industria as bacterias son importantes no tratamento de augas residuais e na eliminación de verteduras de petróleo, produción de queixo e iogur grazas ás súas fermentacións, a obtención de ouro, paladio, cobre e outros metais no sector mineiro,[15] e tamén en biotecnoloxía, e na fabricación de antibióticos e outros produtos químicos.[16]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bacteria.
  2. Forma recomendada no Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000.
  3. Algunhas especies teñen sistemas de membranas internos, onde se encontran os pigmentos fotosintéticos ou encimas
  4. 4,0 4,1 Woese CR, Kandler O, Wheelis ML (1990). "Towards a natural system of organisms: proposal for the domains Archaea, Bacteria, and Eucarya". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 87 (12): 4576–9. Bibcode:1990PNAS...87.4576W. PMC 54159. PMID 2112744. doi:10.1073/pnas.87.12.4576. 
  5. 5,0 5,1 Whitman WB, Coleman DC, Wiebe WJ (1998). "Prokaryotes: the unseen majority". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 95 (12): 6578–83. Bibcode:1998PNAS...95.6578W. PMC 33863. PMID 9618454. doi:10.1073/pnas.95.12.6578. 
  6. Rappé MS, Giovannoni SJ (2003). "The uncultured microbial majority". Annual Review of Microbiology 57: 369–94. PMID 14527284. doi:10.1146/annurev.micro.57.030502.090759. 
  7. Fredrickson JK; Zachara JM; Balkwill DL; et al. (2004). "Geomicrobiology of high-level nuclear waste-contaminated vadose sediments at the Hanford site, Washington state". Applied and Environmental Microbiology 70 (7): 4230–41. PMC 444790. PMID 15240306. doi:10.1128/AEM.70.7.4230-4241.2004. 
  8. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 14 de decembro de 2017. Consultado o 25 de xuño de 2013. 
  9. C.Michael Hogan. 2010. Bacteria. Encyclopedia of Earth. eds. Sidney Draggan and C.J.Cleveland, National Council for Science and the Environment, Washington DC
  10. 10,0 10,1 Choi, Charles Q. (17 March 2013). "Microbes Thrive in Deepest Spot on Earth". LiveScience. Consultado o 17 March 2013. 
  11. Glud, Ronnie; Wenzhöfer, Frank; Middleboe, Mathias; Oguri, Kazumasa; Turnewitsch, Robert; Canfield, Donald E.; Kitazato, Hiroshi (17 March 2013). "High rates of microbial carbon turnover in sediments in the deepest oceanic trench on Earth". Nature Geoscience. doi:10.1038/ngeo1773. Consultado o 17 March 2013. 
  12. Oskin, Becky (14 March 2013). "Intraterrestrials: Life Thrives in Ocean Floor". LiveScience. Consultado o 17 March 2013. 
  13. Sears CL (2005). "A dynamic partnership: celebrating our gut flora". Anaerobe 11 (5): 247–51. PMID 16701579. doi:10.1016/j.anaerobe.2005.05.001. 
  14. "2002 WHO mortality data". Consultado o 2007-01-20. 
  15. "Metal-Mining Bacteria Are Green Chemists". Science Daily. September 2, 2010. 
  16. Ishige T, Honda K, Shimizu S (2005). "Whole organism biocatalysis". Current Opinion in Chemical Biology 9 (2): 174–80. PMID 15811802. doi:10.1016/j.cbpa.2005.02.001. 

Bacterias

Dodaje.pl - Ogłoszenia lokalne