A biosfera (do grego βίος bíos "vida" e σφαῖρα sphaira "esfera"), tamén coñecida como ecosfera (do grego οἶκος oîkos "ambiente" e σφαῖρα) é o conxunto total de ecosistemas do planeta. Tamén se pode comprender como a zona de vida na Terra, que é un sistema pechado (sempre que non se teña en conta a radiación solar e cósmica e a calor do interior da Terra), e en boa parte autorregulada.[1] Unha definición biofisiolóxica máis xeralista indica que a biosfera é o sistema ecolóxico global que integra a todos os seres vivos e xunto coas súas relacións mutuas, incluíndo a súa interacción cos elementos da litosfera, xeosfera, hidrosfera e atmosfera. Postúlase que a biosfera evolucionou comezando como un proceso de biopoiese (onde a vida se crea dun xeito natural a partir de material non viva, como serían os compostos orgánicos simples) ou un proceso de bioxénese (onde a vida se crea a partir de materia viva), e que aconteceu hai cando menos 3.5 mil millóns de anos.[2][3]
Dun xeito máis xeral, as biosferas son aqueles sistemas pechados e auto-regulados que conteñen ecosistemas. Esa definición inclúe ás biosferas artificiais como son a Biosphere 2 e BIOS-3, e aqueloutras que potencialmente poderían existir noutros planetas ou lúas.