Budismo

Buda Lantau

O budismo[1] é unha das grandes filosofías e relixións orientais, considerada ás veces como unha relixión non teísta. O budismo engloba unha gran variedade de tradicións, crenzas e prácticas baseadas en gran medida nas ensinanzas atribuídas a Siddhartha Gautama, que é comunmente coñecido como Buda, que significa "o iluminado". De acordo coa tradición budista, Buda viviu e ensinou na parte oriental do subcontinente indio nalgún momento entre os séculos VI a.C. e IV a.C..[2] El é recoñecido polos budistas como un mestre esperto ou iluminado que compartiu as súas revelacións para axudar aos seres sensibles a poñer fin ao seu sufrimento a través da eliminación do desexo e a ignorancia por medio do coñecemento e a visión da orixinación dependente, coa meta final de acadar o estado sublime do nirvana.[3] O budismo está fundado sobre as chamadas Tres Xoias : os budistas declaran tomar refuxio no Buda (o fundador do budismo), no Dharma (a doutrina do Buda) e na Saṅgha (a comunidade dos crentes).

Xeralmente son recoñecidas dúas grandes ramas do budismo: Theravada ("A Escola dos Anciáns") e Mahayana ("O Gran Vehículo"). O Theravada ten un seguimento extenso en Sri Lanka e Sueste asiático (Camboxa, Laos, Tailandia, Myanmar etc). O Mahayana encóntrase pola Asia oriental (a China, Corea, o Xapón, Vietnam, Singapur, Taiwán etc) e inclúe as tradicións de Terra Pura, zen, Budismo Nichiren, Budismo tibetano, Budismo Shingon, e Tiantai (Tendai). Nalgunhas clasificacións, o Vajrayana —practicado principalmente no Tíbet e Mongolia, e as partes adxacentes da China e Rusia— é recoñecido como unha terceira rama, mentres que outras o clasifican como unha parte do Mahayana.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para budismo.
  2. "Buddhism". (2009). Na Encyclopædia Britannica. Retrieved November 26, 2009, from Encyclopædia Britannica Online Library Edition.
  3. Gethin (1998), Foundations, pp. 27–8, pp. 73–4

Budismo

Dodaje.pl - Ogłoszenia lokalne