Cabalo | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Domesticado | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome trinomial | |||||||||||||||||||||
Equus ferus caballus Linnaeus, 1758[1] |
O cabalo, ou egua se é femia, (Equus ferus caballus)[2][3] é un animal mamífero perisodáctilo da familia dos équidos (Equidae), herbívoro, cuadrúpede e de pescozo longo e arqueado. É unha das dúas subespecies existentes de Equus ferus ou cabalo salvaxe. O cabalo evolucionou ó longo dos pasados 45-55 millóns de anos dende o pequeno Hyracotherium ata o animal de hoxe en día. Os humanos comezaron a domesticar cabalos no -4000, e a súa doma crese que se estendeu no -3000. Os cabalos da subespecie caballus son domésticos, pero algunhas poboacións viven en liberdade ou semiliberdade. Estas poboacións de cabalos asilvestrados non son verdadeiros cabalos salvaxes, xa que este termo emprégase para describir cabalos que nunca foron domesticados, como o ameazado cabalo de Przewalski, unha subespecie separada e o único cabalo salvaxe que aínda existe.
A anatomía do cabalo permítelle facer uso da velocidade para escapar de depredadores e teñen un ben desenvolvido sentido do equilibrio e unha forte resposta de loita ou fuxida. Relacionado coa necesidade de fuxir de depredadores na vida salvaxe, os cabalos son quen de durmir tanto de pé como deitados. As femias, chamadas eguas, coidan das súas crías durante aproximadamente 11 meses, e un cabalo novo, chamado poldro, pode correr coa nai pouco tempo despois do nacemento. A maioría dos cabalos domesticados comezan a adestrarse coa cadeira de montar ou co arnés entre os dous e os catro anos. Acadan a madurez completa ós cinco anos, e chegan a vivir entre 25 e 30 anos.
As razas de cabalo divídense en tres categorías baseadas no seu temperamento: de "sangue quente e enérxicos" con velocidade e resistencia; "sangue frío", como o cabalo albardeiro e algúns ponis, axeitados para traballos lentos e pesados; e de "sangue morno", produto de cruces entre os de sangue quente e de sangue frío, centrándose a miúdo en crear razas para fins específicos de monta, especialmente en Europa. Existen máis de 300 razas de cabalo no mundo, desenvolvidas para diferentes usos.
Cabalos e humanos interveñen en gran cantidade de actividades competitivas e non competitivas, así como actividades de traballo como policía, agricultura, entretemento e terapia. Tamén foron historicamente usados na guerra, do cal desenvolvéronse unha ampla variedade de técnicas de equitación e condución, con moitos estilos diferentes de equipos e métodos de control. Por outra banda obtéñense moitos produtos destes animais, como a carne, o leite, pel, pelo, óso e os produtos farmacéuticos extraídos dos ouriños de eguas embarazadas.