O cacho,[1] voz derivada do latín vulgar cacculu, e esta do latín caccabu, "ola", é unha cuberta dura e ríxida, constituída por unha única peza de forma máis ou menos arredondada, ovalada ou cuadrangular, do exoesqueleto ou casca dos crustáceos decápodos braquiúros (centolas, bois, nécoras etc.) que recobre o seu cefalotórax pola parte dorsal, servíndolle de coiraza protectora.[2]
Atendendo á semellanza dos cefalotórax dos crustáceos decápodos braquiúros co dos macruros,[3] antiga subdivisión dos decápodos, en oposición a braquiúros, hoxe sen validez taxonómica, pódese estender a voz cancho, na linguaxe de divulgación científica, para designar a cuberta do cefalotórax dos macruros (lagostas, lumbrigantes, cigalas, lagostinos e camaróns).
Hai outro grupo dos decápodos, o dos anomuros (Anomura),[4] esta si con validez taxonómica, xa que constitúen unha infraorde dos decápodos, caracterizados por teren abdomes de diferentes tipos,[5][6][7] cuxos representantes máis coñecidos son os cangrexos ermitáns, aos que non se lle pode aplicar o termo cacho, xa que, ao teren o abdome moi brando, agóchanse en cunchas de gasterópodos, das que só sobresaen os ollos e as patas. (A outros membros da infraorde, menos coñecidos, como os cangrexos porcelana ou os galateidos, si)
Cando o cacho se proxecta cara a adiante, máis alá dos ollos, esta proxección do exoesqueleto denomínase rostro (en latín científico, rostrum).