A ciencia é, en sentido amplo, calquera coñecemento organizado. Pero, en sentido máis restritivo, é o conxunto dos sistemas de coñecemento organizado con obxectos e métodos de estudo determinados e baseados en leis obxectivas que se poden verificar (o que se chama o método científico), e tamén ao sistema empregado para adquirir ditos coñecementos.[1]
Este artigo está de acordo co sentido máis restritivo da palabra. A ciencia, tal como se considera neste artigo, denomínase moitas veces como ciencia experimental, a fin de diferenciala da ciencia aplicada, que é a aplicación da investigación científica a necesidades humanas específicas, aínda que as dúas estean certamente interconectadas. E moito menos se consideran as denominadas ciencias sociais.[2]
A vontade da comunidade científica é a de producir "coñecementos científicos" a partir de métodos de investigación rigorosos, verificábeis e reproducíbeis. En canto aos "métodos científicos" e aos "valores científicos", son á vez o produto e a ferramenta de produción destes coñecementos, e caracterízanse polo seu obxectivo, que consiste en permitir, comprender e explicar o mundo e os seus fenómenos da maneira o máis elemental posíbel, é dicir, producir coñecementos aproximándose o máis posíbel aos feitos observábeis. A diferenza dos dogmas, que pretenden igualmente dicir a verdade, a ciencia está aberta á crítica, e os coñecementos científicos, así como os seus métodos, están sempre abertos á revisión. Ademais, as ciencias teñen como finalidade comprender os fenómenos, e obter diso previsións xustas e aplicacións funcionais. Estes coñecementos son a base de numerosos desenvolvementos técnicos que teñen forte impacto na sociedade.