Citosol

O citosol é unha disolución ateigada con moitos tipos de moléculas que enche a maior parte do volume do citoplasma celular.[1]

O citosol ou matriz citoplasmática é o líquido que enche o interior do citoplasma da célula, que está separado por membranas celulares doutras partes da célula, como a matriz mitocondrial do interior da mitocondria (véxase máis adiante o capítulo Definición). Nos procariotas, a maioría das reaccións químicas do metabolismo teñen lugar no citosol, e só unhas poucas teñen lugar en membranas ou no espazo periplásmico. Nos eucariotas, aínda que moitas vías metabólicas se desenvolven no citosol, outras teñen lugar dentro dos orgánulos.

O citosol é unha complexa mestura de substancias disoltas en auga. Aínda que a auga forma a maior parte do citosol, a súa estrutura e propiedades na célula non se comprenden totalmente. As concentracións de ións como sodio e potasio do citosol son diferentes das do fluído extracelular; estas diferenzas na concentración de ións son importantes en procesos como a osmorregulación e a comunicación celular. O citosol tamén contén grandes cantidades de macromoléculas, as cales poden alterar o comportamento molecular, por medio da súa alta concentración.

Aínda que ao principio se pensaba que o citosol era unha simple solución de moléculas, nel existen múltiples niveis de organización. Isto inclúe gradientes de concentración de pequenas moléculas ou ións como calcio, grandes complexos como moitos encimas que levan a cabo as reaccións das vías metabólicas, e complexos proteínicos como os proteasomas e carboxisomas que encerran e separan partes do citosol.

  1. Goodsell DS (1991). "Inside a living cell". Trends Biochem. Sci. 16 (6): 203–6. PMID 1891800. doi:10.1016/0968-0004(91)90083-8. 

Citosol

Dodaje.pl - Ogłoszenia lokalne