O colon é a porción principal do intestino groso, onde se continúa absorbendo auga e nutrientes minerais dos alimentos e serve como área de almacenamento das feces. No home é un tubo muscular de aproximadamente un metro e medio de longo.
O colon consta de catro seccións:
Colon ascendente ou dereito: é a primeira sección e comeza na área de unión co intestino delgado. A primeira porción do colon ascendente chámase cego e é onde o apéndice se une ó colon. O colon ascendente esténdese cara a arriba polo lado dereito do abdome.
Colon transverso: é a segunda sección e esténdese a través do abdome ó lado dereito cara ó lado esquerdo. Os seus dous extremos forman dous ángulos que se chaman:
O ángulo hepático do colon, localizado na lado dereito sendo a unión do colon ascendente co colon transverso.
O ángulo esplénico do colon, localizado no lado esquerdo, sendo a unión do colon transverso co colon descendente.
Colon descendente ou esquerdo: é a terceira sección e continúa cara a abaixo polo lado esquerdo.
Colon sigmoide ou sigma: é a cuarta sección e chámase así pola forma de S. O colon sigmoide únese ó recto, e este únese ó ano
A parede de cada unha destas seccións do colon e do recto ten varias capas de tecido. O cancro colorrectal orixínase na capa máis interna e pode crecer a través dalgunha ou de todas as demais capas.