Commodore 64 | |
---|---|
Información xeral | |
Tipo | Ordenador persoal |
Información comercial | |
Data de lanzamento | Agosto de 1982[1][2] |
Lonxevidade | Ata abril de 1994 |
Información técnica | |
Sistema operativo | Commodore KERNAL/ Commodore BASIC 2.0 |
Memoria | 64 kB RAM + 20 kB ROM |
Gráficos | VIC-II |
Son | SID 6581 |
Antecesor | Commodore VIC-20 Commodore MAX Machine |
Sucesor | Commodore 128 |
O Commodore 64, tamén coñecido como C64, C-64, C= 64, e ocasionalmente CBM 64 ou VIC-64,[3] é un ordenador persoal de 8-bits introducido en xaneiro de 1982 por Commodore International. Atópase no Libro Guinness dos Récords como o modelo de computadora máis vendido de tódolos tempos,[4] con estimacións independentes que indican un número de unidades vendidas de entre 10 e 17 millóns de unidades.[5]
A súa produción deu comezo no 1982, coas primeiras unidades postas no mercado en agosto dese ano a un prezo de 595 $ (equivalentes a 1481,25 $ no 2016).[6][7] Precededido polo Commodore VIC-20 e o Commodore PET, o Commodore 64 toma o seu nome dos seus 64 kB de RAM, e ten unhas especificacións técnicas de son e gráficos superiores en comparación con outros sistemas previos como o Apple II e o Atari 800, con sprites de múltiples cores e un procesador de son máis avanzado.
O Commodore 64 dominou o mercado de ordenadores persoais de baixa gama durante gran parte dos anos 1980.[8] Entre os anos 1983 e 1986 o Commodore 64 tiña entre un 30% e o 40% da cota de mercado nos Estados Unidos e vendeu uns dous millóns de unidades por ano,[9] vendendo máis unidades que os ordenadores de IBM, Apple Inc. e Atari 8-bit. No mercado británico, a principal competición do Commodore 64 foron o BBC Micro e o ZX Spectrum,[10] pero o Commodore 64 mantívose como un dos dous ordenadores máis populares no Reino Unido.[11]
Parte do éxito do Commodore 64 foi debido a que se vendeu en tendas de todo tipo no lugar de facelo só en tendas de electrónica ou de computadoras. Commodore produciu moitas das súas partes na súa propia empresa para controlar os custos, incluíndo chips IC personalizados de MOS Technology. Foi comparado co automóbil Ford T polo seu papel na introdución de nova tecnoloxía nas casas de clase media grazas a súa creativa produción en masa.[12] Publicáronse ó redor duns 10 000 títulos de software comercial para o Commodore 64, incluíndo ferramentas de desenvolvemento, aplicacións de produtividade para a oficina e videoxogos.[13] Os emuladores de Commodore 64 permiten executar estes programas cun ordenador moderno ou videoconsola compatible.[14]