Cordados Rango fósil: cámbrico - presente | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Branchiostoma lanceolatum | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Subfilos | |||||||||||
Os cordados (Chordata, do latín chordata, pl. de chordatum "cordado", "con corda"; de chorda, "corda"; literalmente "os que teñen corda") son un filo do reino animal caracterizado por presentar cinco sinapomorfias, a máis destacada das cales é a presenza dunha corda dorsal ou notocorda de células turxentes (e dun tubo neural) polo menos nalgunha fase do seu desenvolvemento.[1]
Coñécense preto de 65 000 especies actuais,[2] a maioría pertencentes ao subfilo dos vertebrados, e case a metade das cales son peixes.
Os cordados son un grupo con gran diversidade, adaptados a un gran número de nichos ecolóxicos e que demostraron ao longo da súa historia evolutiva notábeis adaptacións, sobre todo ao medio terrestre e os seus ambientes, aínda que tamén ao acuático ou o anfibio, nos cales moitos deles constitúen os últimos elos tróficos dos seus ecosistemas.
Nos cordados destaca a capacidade de autorregulación e organización interna; algúns, como as aves e os mamíferos, poden elevaren e manteren constante a temperatura do corpo. Estes e outros factores engadiron complexidade a este grupo de animais, permitindo un maior control sobre as reaccións metabólicas e o desenvolvemento dun complexo sistema nervioso.