Crocodiliformes Rango fósil: Triásico tardío–Actual (desde hai 225 millóns de anos) | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Protosuchus, un dos primeiros crocodiliformes | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Clados | |||||||||||
Crocodiliformes (Crocodyliformes) é o nome que se propuxo para un clado de réptiles arcosauros crurotarsos, o grupo que tradicionalmente se ven denominando "crocodilianos". Son os únicos membros do grupo lixeiramente máis amplo dos Crocodylomorpha que sobreviviu máis alá do Xurásico temperán, mentres que os crocodilomorfos foron o único grupo de Pseudosuchia que sobreviviu á extinción do Triásico-Xurásico.
En 1988, Michael J. Benton e James M. Clark argumentaron que todos os nomes tradicionais para todos os grupos de animais ben coñecidos deberían ser restrinxidos ao seus clados coroa, é dicir, usados só para grupos naturais que comprendesen todos os membros vivos e calquera das súas liñaxes. Isto presentaba un probelma para os crocodilianos, porque o nome Crocodylia, aínda que era usado de varias maneiras por diversos científicos, sempre incluíra non só os crocodilianos vivos senón tamén moitos dos seus antepasados extintos coñecidos só polos seus restos fósiles.[1]
A solución de Benton e Clark a esta cuestión foi restrinxir o nome Crocodylia ao grupo que contén os modernos aligátores, crocodilos e gaviais, xunto con todos os membros extintos desas determinadas familias. O grupo tradicional "Crocodylia" foi, entón, substituído por eles polo nome Crocodyliformes, que incluía moitas das familias extintas que a nova definición de Crocodylia deixaba fóra. Clark e Benton non deron inicialmente unha definición exacta de Crocodyliformes; pero en 2001 Paul Sereno e colegas definírono como o clado que comprende Protosuchus richardsoni e o crocodilo do Nilo e mais todos os descendentes do seu antepasado común.[2]
Chris Brochu estivo de acordo coa valoración de que o nome Crocodylia nunca tivera un contido estable, e que unha serie de clados máis grandes que o grupo coroa Crocodylia (incluíndo Crocodyliformes e o clado lixeiramente máis inclusivo Crocodylomorpha) era unha boa solución.[3] Non obstante, nunha publicación de 2008, os autores, Jeremy Martin e Benton, revogaron a súa opinión previa (coa coautoría de Benton) de que Crocodylia debería estar restrinxido ao grupo coroa, suxerindo que Crocodyliformes debería ser considerado un sinónimo do máis inclusivo Crocodylia, e deste modo substituílo.[4] Brochu e colegas rexeitaron esta proposta, argumentando que a definición coroa de Crocodylia é o significado estándar tanto dentro coma fóra da comunidade que estuda a sistemática de crocodiliformes.[5]