Diabetes mellitus | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Círculo azul, símbolo internacional da diabetes.[1] | |
ICD-10 | E10–E14 |
ICD-9 | 250 |
MedlinePlus | 001214 |
eMedicine | emerg/134 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A diabetes mellitus (DM) é un conxunto de trastornos metabólicos, cuxa característica común principal é a presenza de concentracións elevadas de glicosa no sangue de maneira persistente ou crónica, debido xa sexa a un defecto na produción de insulina, a unha resistencia á acción dela para utilizar a glicosa, a un aumento na produción de glicosa ou a unha combinación destas causas. A diabetes débese a que o páncreas non produce suficiente insulina ou a que as células do corpo non responden aos efectos da hormona. Tamén se acompaña de anormalidades no metabolismo dos lípidos, proteínas, sales minerais e electrólitos.[2][3][4][5][6][7][8]
A diabetes asóciase coa aparición de complicacións en moitos sistemas orgánicos, sendo os máis evidentes a perda da visión (retinopatía diabética) que pode chegar á cegueira, o compromiso dos riles (nefropatía diabética) con deterioración funcional progresiva, requirindo diálise e transplante, o compromiso de vasos sanguíneos que poden significar a perda de extremidades inferiores (amputacións) (véxase vasculopatía diabética), o compromiso do corazón con enfermidade coronaria e infarto agudo de miocardio, o compromiso cerebral e a irrigación intestinal; con todo, as complicacións máis prevalecentes afectan ao sistema nervioso periférico e autónomo. Todo isto significa unha carga moi pesada para o paciente que a padece e para todo o sistema de saúde pública.[2][4][7]
Trátase dunha complexa doenza na cal coexiste un trastorno global do metabolismo dos carbohidratos, dos lípidos e das proteínas. É multifactorial pola existencia de múltiplos factores implicados na súa patoxénese. Estímase que a padece un 7,4% da poboación adulta (1995), cun valor esperado ao redor do 9% para 2025.
Os síntomas principais da diabetes mellitus son a emisión excesiva de ouriños (poliuria), o aumento anormal da necesidade para comer (polifagia), o incremento da sede (polidipsia) e a perda de peso sen razón aparente.[9] En ocasións tómanse como referencia estes tres síntomas (poliuria, polifagia e polidipsia ou regra das 3 P) para poder sospeitar da diabetes mellitus tipo 2 ou insulinorresistente, xa que son os máis comúns na poboación. Ademais destes síntomas, tamén está o cansazo, a dor de cabeza, o mareo e vista encandeada.
Unha revisión de 2018 chega á conclusión de que un dos posibles factores de risco para desenvolver tanto a diabetes tipo 1 é o glute e que a dieta sen glute durante o embarazo reduce o risco de que o bebé desenvolva diabetes tipo 1.[10]
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome triplitt