Doménikos Theotokópoulos (do grego Δομήνικος Θεοτοκόπουλος), coñecido universalmente como El Greco ("O Grego")[1], nado en Candia (Creta) en 1541 e finado en Toledo o 7 de abril de 1614, foi un pintor, escultor e arquitecto do final do Renacemento que desenvolveu un estilo moi persoal nas súas obras de madurez, de orixe grega e que traballou principalmente en España. As súas obras, xunto coas de Velázquez, Goya, Picasso e Dalí constitúen o epítome da pintura española de tódolos tempos.
Ata os 26 anos viviu en Creta (Creta formaba parte naquel tempo da República de Venecia), onde foi un apreciado mestre de iconas no estilo posbizantino vixente na illa. Despois residiu dez anos en Italia, onde se transformou nun pintor renacentista, primeiro en Venecia, asumindo plenamente o estilo de Tiziano e Tintoretto, e despois en Roma, estudando o manierismo de Michelangelo. En 1577 estableceuse en Toledo (España), onde viviu e traballou o resto da súa vida.
A súa formación pictórica foi complexa, obtida en tres focos culturais moi distintos: a súa primeira formación bizantina foi a causante de importantes aspectos do seu estilo que floreceron na súa madurez; a segunda obtívoa en Venecia dos pintores do alto renacemento, especialmente de Tiziano, aprendendo a pintura ó óleo e a súa gama de cores –el sempre se considerou parte da escola veneciana–; para rematar, a súa estancia en Roma permitiulle coñecer a obra de Michelangelo e o manierismo, que se converteu no seu estilo vital, interpretado dunha forma autónoma.[2]
A súa obra componse de grandes lenzos para retablos de igrexas, numerosos cadros de devoción para institucións relixiosas –nos que a miúdo participou o seu taller– e un grupo de retratos considerados do máximo nivel. Nas súas primeiras obras mestras españolas apréciase a influencia dos seus mestres italianos. Con todo, pronto evolucionou cara a un estilo persoal caracterizado polas súas figuras manieristas extraordinariamente alongadas con iluminación propia, delgadas, fantasmais, moi expresivas, en ambientes indefinidos e unha gama de cores buscando os contrastes, casando as tradicións bizantinas coas da civilización occidental. Este estilo identificouse co espírito da Contrarreforma e foise extremando nos seus últimos anos.
Actualmente está considerado un dos artistas máis grandes da civilización occidental. Esta alta consideración é recente e foise formando nos últimos cen anos, cambiando a apreciación sobre a súa pintura formada nos dous séculos e medio que seguiron á súa morte, en que chegou a considerarse un pintor excéntrico e marxinal na historia da arte.[3]
El Greco adoitaba asinar as súas pinturas con letras gregas co seu nome completo, Doménicos Theotokópoulos subliñando así a súa ascendencia grega aínda que, segundo outras fontes, tamén empregaba a grafía Theotocópuli, que era a característica da época.[4]