Entamoeba coli | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Quiste de Entamoeba coli | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Nome binomial | |||||||||||
'Entamoeba coli' |
Entamoeba coli é unha especie de protista non patóxeno do xénero Entamoeba, que existe frecuentemente no tracto gastrointestinal humano como parasito comensal. O seu nome abreviado E. coli non debe confundirse coa abreviación idéntica da bacteria Escherichia coli. Ás veces para non confundilos úsanse en certos contextos abreviacións alternativas como Esch. coli para a bacteria e Ent. coli para o protista.[1][2] Entamoeba coli é importante en medicina porque pode confundirse durante os exames microscópicos de mostras de feces tinguidas coa especie patóxena do mesmo xénero Entamoeba histolytica.[3] A ameba E. coli non se move moito malia poder emitir pseudópodos, e crea un "movemento no mesmo lugar (non progresivo)" dentro do intestino groso. Xeralmente a ameba é inmóbil, e conserva a súa forma arredondada. A ameba no seu estadio de trofozoíto, só é visible en mostras de feces frescas non fixadas. Ás veces a propia Entamoeba coli está á súa vez parasitada. Un dos seus posibles parasitos é o fungo Sphaerita spp., o cal vive no citoplasma da ameba.[4] Aínda que a diferenciación entre as distintas entamebas faise xeralmente por exame visual con microscopio óptico dos quistes do parasito, desenvolvéronse tamén novos métodos que usan técnicas de bioloxía molecular.[5]