Os/as enzimas[1] (ou encimas)[2] son un grupo de compostos orgánicos de natureza en xeral proteica (existen tamén enzimas constituídos por ARN, chamados ribozimas)[3][4], con actividade intra ou extracelular que teñen funcións catalíticas, catalizando reaccións químicas, que, sen a súa presenza, serían imposibles ou non poderían ter lugar á velocidade axeitada. Isto conséguese a través da diminución da enerxía de activación precisa para que se dea unha reacción química, resultando no aumento da velocidade desta e posibilitando así o metabolismo dos seres vivos. A capacidade catalítica dos enzimas fainos adecuados para aplicacións industriais, como na industria farmacéutica ou na alimentaria.
En sistemas vivos, a maioría das reaccións bioquímicas danse en vías metabólicas, secuencias de reaccións nas que o produto dunha reacción utilízase como reactivo na seguinte. Diferentes enzimas catalizan os diferentes pasos das vías metabólicas, actuando de forma concertada de xeito que non se interrompa o fluxo nesas vías. Ademais, a actividade de cada enzima pode ser regulada, aumentándoa, diminuíndoa ou mesmo deténdoa, co obxectivo de modular o fluxo da vía metabólica na que se insire.
O ramo da bioquímica adicado ao estudo e caracterización dos enzimas é a enzimoloxía.