O escorregamento bacteriano é un proceso mediante o cal certas bacterias poden moverse reptando por si mesmas estando en contacto cunha superficie sólida, pero sen utilizar flaxelos (os cales son o mecanismo de movemento máis común entre as bacterias).[1] O mecanismo mediante o cal se realiza este movemento é descoñecido total ou parcialmente para moitas bacterias, e é probable que os distintos grupos bacteriano utilicen mecanismos diferentes para moverse escorregando. Este tipo de movemento é importante entre as cianobacterias, mixobacterias e especies de Cytophaga e Flavobacterium. Xeralmente son bacilares ou filamentosas. O movemento é moito máis lento que o realizado con flaxelos.
A mobilidade por escorregamento permítelle á célula colonizar novos ambientes ou interaccionar con outras células, e mesmo, como no caso das mixobacterias, ter un comportamento social e cooperativo.[2]