O termo escravitude[1] designa a condición social do escravo, un traballador non libre e, polo xeral, non remunerado,[2] que é xuridicamente a propiedade doutra persoa e, en consecuencia, negociábel, como un obxecto. En sentido lato, a escravitude ou escravismo é o sistema socioeconómico fundado sobre o mantemento e a explotación de persoas en ditas condicións.
Os escravos están obrigados a obedecer todas as ordes do seu amo desde o momento en que adquiren tal condición (sexa desde o nacemento ou noutro calquera momento da súa vida no que se efectuase o paso ao estado de escravo) ata o cesamento de tal status (por morte ou por ser liberado).
En tanto que propiedade, o escravo pode ser obxecto das transferencias inherentes á noción de propiedade: pode ser comprado, vendido e aínda alugado.
O escravo distínguese do cativo ou do forzado, condicións próximas polo estado de explotación, e da besta de carga, por un status xurídico propio, determinado polas regras e as leis en vigor no país e época considerada.
A Organización das Nacións Unidas conmemora o día 25 de marzo como o Día Internacional en Lembranza das Vítimas da Escravitude e a Trata Transatlántica de Escravos, co obxectivo de homenaxear e lembrar a todos aqueles que sufriron e morreron baixo o sistema de escravitude, así como xerar conciencia sobre os perigos do racismo e os prexuízos aínda existentes.[3][4]
A escravitude é a condición ou condición dunha persoa sobre a que se exercen calquera ou todos os poderes vinculados ao dereito de propiedade