Filipinas —oficialmente, República de Filipinas (tagalo: Republika ng Pilipinas; inglés: Republic of the Philippines)— é un país insular (véxase arquipélago) situado no sueste asiático, sobre o océano Pacífico. A súa capital é Manila. Ao norte atópase separado da illa de Taiwán polo estreito de Luzón; ao oeste áchase o mar da China Meridional, tamén coñecido como o mar de Filipinas Occidental e Vietnam; ao suroeste, a illa de Borneo; ao sur, o mar de Célebes sepárao das illas de Indonesia, e o leste limita co mar de Filipinas.[1] A súa localización no cinto de lume do Pacífico e o seu clima tropical convérteno nun lugar propenso a terremotos e tifóns.[2] O país é rico en recursos naturais e atópase nunha das zonas con maior biodiversidade do mundo.[3][4] Está formado por 7641 illas que se clasifican xeograficamente en tres grupos: o da illa de Luzón, o das Visayas e o da illa de Mindanao.
Filipinas ten unha poboación estimada de 107 millóns de habitantes;[5] ademais, é o 12.º país máis poboado do mundo sen ter en conta aos 12 millóns de filipinos que viven no estranxeiro. Varias etnias e culturas conviven ao longo das súas illas.[5][6] Catalogado como un país recentemente industrializado,[5] a súa economía continúa o constante crecemento que iniciou desde a súa independencia. As reformas económicas implementadas a inicios do século XXI lograron que o sector servizos desprazase á agricultura como a principal actividade económica, e agora este achega máis da metade do PIB.[7] Con todo, aínda enfronta diversos retos nas súas infraestruturas: a falta de desenvolvemento no sector turístico, a educación, a atención á saúde e o desenvolvemento humano.[8]
En tempos prehistóricos, os negritos foron algúns dos primeiros habitantes do arquipélago,[9] seguidos por ondas sucesivas de pobos austronesios que trouxeron consigo tradicións e costumes de Malaisia da India e do mundo islámico, mentres que o comercio introduciu algúns aspectos culturais chineses.[10][11]
En 1521, a chegada do explorador portugués Fernão de Magalhães marcou o comezo dunha era de influencia e posterior dominio español.[12] Miguel López de Legazpi estableceu o primeiro asentamento español en Filipinas en 1565, coa fundación de Cebú. En 1571 fundou a cidade de Manila, que se convertería no centro administrativo e económico do Imperio español en Asia e porto de partida do galeón de Manila con destino Acapulco.[13] Tres séculos de influencia española deron lugar a unha cultura hispano-asiática, patente na arte, música, gastronomía e costumes de Filipinas, en especial a súa relixión católica. Tamén xurdiu unha variante filipina do idioma español, que floreceu na segunda metade do século XIX e primeira do século XX.
A finais do século XIX estalou a revolución filipina, apoiada polos Estados Unidos, e posteriormente a guerra hispano-estadounidense que deu lugar á cesión das illas por España a EE. UU. en 1898. As desavinzas entre a nova República Filipina e EE. UU. desembocaron na guerra filipino-estadounidense que acabou coa vitoria estadounidense en 1903. Desta forma, Estados Unidos substituíu a España como potencia dominante.[14][15] A excepción do período da ocupación xaponesa, os estadounidenses mantiveron a soberanía sobre as illas ata o final da segunda guerra mundial en 1946. Desde a independencia, o país atravesou varias crises políticas que serviron para definir as características dunha república constitucional.[16][17][18]
O legado dos distintos períodos históricos reflíctese na actual cultura do país, que é unha combinación do indíxena prehispánico con elementos chineses e a cultura hispánica, debido a tres séculos de presenza española. Esta cultura mestiza está presente na gastronomía, na música, nos bailes e na arte filipina. O carácter hispánico é máis evidente na súa relixión católica, no seu legado arquitectónico, en especial nas igrexas e casas de estilo colonial, en moitos topónimos do país e en nomes e apelidos.[19] Finalmente, a herdanza dos Estados Unidos perdura na lingua inglesa e nunha maior afinidade coa cultura popular.