As fitohormonas ou hormonas vexetais ou de plantas son compostos químicos producidos pola propia planta que regulan o seu crecemento e outros procesos fisiolóxicos.
As hormonas vexetais son moléculas de sinalización producidas nos tecidos da planta e están presentes en concentracións moi baixas. Regulan procesos celulares en células diana localmente e poden desprazarse a outras localizacións máis afastadas e actuar noutras partes da planta. As hormonas tamén determinan a formación de flores, talos, follas, a caída das follas e o desenvolvemento e maduración dos froitos. As plantas, a diferenza dos animais, carecen de glándulas que produzan e segreguen hormonas. En lugar diso, as células poden producir hormonas. As hormonas vexetais dan forma á planta ao afectaren o seu crecemento, tempo de floración, o sexo das flores, e a senescencia das follas e froitos. Afectan a que tecidos crecen cara a arriba (en dirección á luz) ou cara a abaixo (afondando no chan), a formación das follas e crecemento de talos, desenvolvemento e maduración de froitos, a lonxevidade das plantas, e mesmo a morte da planta. As hormonas son vitais para o crecementodas plantas e, en ausencia delas, as plantas serían esencialmente unha masa de células indiferenciadas. Por iso se lles chama factores de crecemento ou hormonas do crecemento. O termo 'fitohormona' foi acuñado por K. V. Thimann. Aos inicios do estudo das hormonas vexetais, "fitohormona" era o termo que normalmente se usaba, pero o seu uso é menos común hoxe.
As fitohormonas encóntranse non só en plantas superiores, senón tamén en algas, nas que teñen funcións parecidas.[1] Tamén hai substancias con funcións parecidas en fungos e bacterias, pero neste caso, non exercen funcións hormonais ou outras funcións fisiolóxicas inmediatas no organismo que as produciu, polo que deben considerarse metabolitos secundarios.[2]