Un geek (do inglés geek - pronunciase "guic") é unha persoa que comparte unha gran fascinación, ata un punto obsesivo, pola tecnoloxía. É máis un estilo de vida e unha forma de ser que unha afección concreta por algo pouco habitual. O seu obxectivo é facer as cousas por diversión e polo recoñecemento, case sempre polo simple pracer de facelo.
No entanto é un termo que a miúdo se confunde como sinónimo de Nerd. Aínda que as diferenzas son moi debatidas hoxe en día, ó igual que un geek, un nerd é unha persoa con grande intelixencia e paixón polo coñecemento, así como con altas tendencias de manterse apartado da corrente social. Así e todo, un geek adoita ser unha persoa máis extravagante e extravertida tanto no seu estilo de vida como na súa forma de ser, mentres que un nerd tende a ser máis conservador.
A cultura geek está tamén intimamente vinculada coa ciencia ficción (Star Wars, Star Trek, The Matrix), fantasía épica (O Señor dos Aneis), os videoxogos, cómics, xogos de rol, música electrónica e informática entre outros. Deseñouse un código exclusivo para representar a personalidade, aparencia, intereses e opinións do estereotipo geek e diferenciarse a si mesmos doutros Geeks, coñecido como Geek Code