Heath Andrew Ledger, nado en Perth o 4 de abril de 1979 e finado en Nova York o 22 de xaneiro de 2008, foi un actor australiano. Comezou a súa carreira interpretativa en papeis da televisión e do cine australiano durante os anos 1990, e en 1998 Ledger viaxou ós Estados Unidos para desenvolver a súa carreira. O seu traballo está composto por dezanove filmes, incluíndo 10 Things I Hate About You (1999), The Patriot (2000), Destino de cabaleiro (2001), Monster's Ball (2001), Ned Kelly (2003), The Brothers Grimm (2005), Lords of Dogtown (2005), Brokeback Mountain (2005), Casanova (2005), Candy (2006), I'm Not There (2007), O cabaleiro escuro (2008) e The Imaginarium of Doctor Parnassus (2009).[1] Tamén produciu e dirixiu vídeos musicais, a aspirou a converterse en director de cine.[2]
Pola súa interpretación de Ennis Del Mar en Brokeback Mountain, Ledger gañou o Premio ó mellor actor no "Círculo de Críticos de Nova York" e o Premio ó mellor actor internacional polo "Instituto de Cine Australiano", ademais de ser nomeado ós BAFTA[3] e ó Oscar ó mellor actor.[4] Postumamente, compartiu un Premio Independent Spirit co resto dos seus compañeiros de elenco, co director e co director de casting polo filme I'm Not There, que está inspirado na vida e nas cancións do cantautor americano Bob Dylan. No filme, Ledger interpreta un actor ficticio chamado Robbie Clark, un dos seis personaxes que representan distintos aspectos da vida de Dylan.[5]
Ledger morreu o 22 de xaneiro de 2008[4][6] debido á combinación accidental de diferentes medicamentos prescritos.[7][8][9] Uns poucos meses antes da súa morte, Ledger rematara a rodaxe de O cabaleiro escuro, no cal interpretou o Joker. A súa morte ocorreu durante a edición do mesmo e no medio da rodaxe do seu último filme The Imaginarium of Doctor Parnassus, no cal interpreta a Tony. A súa morte prematura proxectou unha sombra sobre a posterior promoción do filme de Batman.[10] Ledger recibiu numerosos galardóns póstumos pola súa aclamada interpretación no filme, incluíndo o Premio Oscar ó mellor actor secundario no 2008, o Mellor actor internacional nos Premios "Instituto de Cine Australiano" no 2008, converténdose no primeiro actor en conseguir un premio póstumo,[11] o premio ó Mellor pola Asociación de Críticos dos Ánxeles no 2008, o Globo de Ouro a mellor actor secundario no 2009,[12] e o BAFTA a mellor actor secundario no 2009.[3]