Heavy metal | |
---|---|
Orixe musical | Rock psicodélico, blues |
Orixe cultural | Finais dos anos 60 Reino Unido e Estados Unidos |
Instrumentos típicos | Guitarra eléctrica - Baixo - Batería - Voz |
Subxéneros | |
Metal extremo (black metal • death metal • doom metal • thrash metal) • glam metal • gothic metal • groove metal • power metal • metal progresivo • speed metal | |
Xéneros de fusión | |
metal alternativo • avant-garde metal • metal cristián • crust punk • drone metal • folk metal • funk metal • grindcore • metal industrial • metalcore • nu metal • rap metal • sludge metal • stoner rock • metal sinfónico • viking metal | |
O heavy metal (/ˈhɛvɪˈmɛtl/) é un xénero musical[1][2] derivado do rock a finais dos anos 1960 e comezos dos 1970,[3] principalmente nos Estados Unidos de América e no Reino Unido.[4] Partindo do blues e o rock psicodélico,[5] os grupos pioneiros do heavy metal desenvolveron un son máis marcado e profundo caracterizado por unha distorsión amplificada, solos de guitarra e ritmos enerxéticos. As letras e actuacións dos grupos de heavy metal adoitan asociarse coa masculinidade e agresividade.[5][6]
Os primeiros grupos considerados dentro do heavy metal, como Led Zeppelin, Black Sabbath e Deep Purple, atraeron grandes audiencias malia ser criticados habitualmente nos medios de comunicación, e a mediados dos anos 1970 Judas Priest supuxo un estímulo na evolución do xénero ao descartar gran parte da influencia do blues.[7][8] Outros grupos como Motörhead introduciron características do punk rock incrementando a énfase na velocidade e a finais da década de 1970 os grupos da Nova Onda do Heavy Metal Británico como Iron Maiden e Saxon continuaron con esta evolución.
Na década de 1980 o glam metal tivo grande éxito comercial con grupos como Mötley Crüe e Poison, mentres que nos ámbitos underground comezaron a desenvolverse unha serie de estilos máis agresivos. O thrash metal fíxose popular grazas a grupos como Metallica, Megadeth, Slayer e Anthrax, aínda que outros subxéneros máis extremos como o death metal e o black metal seguiron unha evolución máis separada das correntes principais. Dende mediados dos anos 1990 comezaron a popularizarse diversos subxéneros que expandiron a definición do xénero. Algúns destes son o groove metal (exemplificados no grupo Pantera), influenciado polo metal extremo e o hardcore punk, e o nu metal (con grupos como Slipknot, Korn ou Linkin Park), que adoita incorporar elementos do grunge e do hip hop.