A historia da escultura é unha parte da historia da arte que estuda a evolución da escultura dende os seus comezos tendo presente as diferentes culturas arredor do mundo e os períodos históricos que acostuman coincidir cos da mesma historia da arte. Ó longo do tempo, moitas das súas formas e ferramentas empregadas continúan sendo as mesmos ou semellantes.
Dende as civilizacións prehistóricas até as actuais, a escultura pasou por diversas fases funcionais; inicialmente, tiña un uso utilitario e usábase para ritos máxicos ou relixiosos. En certos momentos da historia, por mor da aparición nalgunhas relixións de aniconismo –por exemplo, no cristianismo ortodoxo e no islam–, a práctica da escultura redúcese á realización de ornamentos sen ningunha representación de imaxes. O rexeitamento de Moisés do culto ó becerro de ouro, que cita a Biblia, foi seguramente un acontecemento decisivo nunha parte da historia da escultura, xa que promove a práctica segundo a cal conviña evitar a existencia de imaxes sagradas ou de persoas relixiosamente relevantes. Iniciativas como esta producíronse tamén nos comezos do cristianismo e do budismo, mais co tempo, en ámbalas dúas relixións reverteuse esta tendencia e a escultura acadou unha gran relevancia, sobre todo no budismo. Porén, nalgúns sectores continúa practicándose a iconoclastia, como demostrou a destrución dos Budas de Bamiyán por parte do movemento dos talibáns no ano 2001.[1]
Os escultores medievais e renacentistas traballaban en colaboración con outros artesáns e adoitaban a ter grandes talleres; nestes locais podían traballar moitos axudantes e oficiais, e o mestre escultor era o encargado do acabamento das obras. Por outra banda, detrás da arte existiron grandes mecenas, o patrocinio dos cales, nalgúns casos, duraba durante toda a vida. A partir do século XIX, os escultores dependen normalmente das galerías de arte públicas e privadas onde se expoñen as obras de cara á súa venda, xa que as encargas para proxectos civís son relativamente pouco comúns.[2]
A representación da figura humana foi un dos temas principais até o século XX.[3] Coa aparición de novos materiais artificiais e ferramentas mecanizadas, así como co desenvolvemento dos medios de comunicación, a evolución dos estilos acelerouse e diversificouse. Os comezos da arte experimental que deu lugar á abstracción chegou a ser unha práctica escultórica dominante durante practicamente cincuenta anos, despois de que a tradición figurativa se impuxera durante séculos. A tradición escultórica foi cuestionada tanto no eido mercantil como no deseño industrial. O canbio que ocasionou tanto no ámbito social como político e filosófico no período vivido entre as dúas guerras mundiais permitiu que a arte abstracta, a partir de 1945, se concentrase na expresión das cualidades físicas dos materiais e na investigación da sensación visual.[4]