A historia evolutiva da vida na Terra describe os procesos e acontecementos polos cales os organismos vivos e fósiles evolucionaron desde que apareceu a vida sobre o noso planeta ata os nosos días. A Terra formouse hai uns 4,5 Ga (xigaanos), é dicir, hai 4.500 millóns de anos e hai probas de que a vida apareceu 500 millóns de anos despois.[1] As similitudes que presentan todos os organismos actuais indican a presenza dun antepasado común a partir do cal diverxiron todas as especies coñecidas polo proceso da evolución.[2] Máis do 99 % de todas as especies que algunha vez existiron na Terra, que en conxunto son uns cinco mil millóns de especies,[3] considérase que se extinguiron.[4][5] As estimacións do número de especies que hai agora na Terra oscilan entre 10 e 14 millóns,[6] dos cales uns 1,2 millóns están ben documentadas e o 86 % restante non foron aínda descritas.[7]