As hormonas tiroides son as tres hormonas producidas pola glándula tiroide, que son a tiroxina, triiodotironina e calcitonina, aínda que en certos contextos o termo só se usa para referirse ás dúas primeiras.
A tiroxina (T4) e triiodotironina (T3), son hormonas cunha estrutura química baseada no aminoácido tirosina (non confundir coa hormona tiroxina) e que conteñen iodo, producidas pola glándula tiroide, que son as principais responsables da regulación do metabolismo. A principal forma circulante no sangue de hormona tiroide é a tiroxina (T4), que ten unha vida media maior ca a outra hormona, a triiodotironina ou T3. A razón entre a T4 e a T3 liberadas ao sangue é de aproximadamente 20 a 1. A tiroxina convértese dentro das células en T3 activa (que é 3 ou 4 veces máis potente ca a T4) por acción de encimas desiodinases (5'-iodinase). Despois son procesadas por descarboxilación e desiodinación para producir iodotironamina (T1a) e tironamina (T0a).
Ademais destas hormonas, producidas polas células foliculares tiroides, na tiroide prodúcese tamén a hormona polipeptídica calcitonina, segregada polas células parafoliculares, que intervén no control dos niveis de calcio do organismo (xunto coa PTH).