A norma ISO 4217 foi creada pola ISO co obxectivo de definir códigos de tres letras para todas as moedas do mundo. Isto elimina as confusións causadas por algúns nomes de divisas como dólar, franco ou libra, que son empregados en numerosos países pero teñen tipos de cambio moi diferentes.
As dúas primeiras letras do código son as dúas letras do código do país da moeda segundo o estándar ISO 3166-1 e a terceira é normalmente a inicial da divisa en si. Esta norma define tamén as relacións entre a unidade monetaria principal e as súas subdivisións.
Inclúe tamén códigos para metais preciosos (ouro, prata, paladio e platino) e outras definicións utilizadas no mundo financeiro. Tamén existen códigos especiais para probas (XTS), e para indicar transaccións non monetarias (XXX). Todos estes códigos comezan coa letra "X". Os metais preciosos utilizan "X" e o símbolo químico do metal. ISO 3166 nunca asigna códigos de país comezando con "X", polo que ISO 4217 pode usar códigos que comecen con esa letra sen arriscarse a colisións.