Jason Frederick Kidd, nado o 23 de marzo de 1973 en San Francisco, California, é un antigo xogador profesional e adestrador de baloncesto estadounidense, que actualmente traballa como adestrador asistente dos Los Angeles Lakers da National Basketball Association (NBA). Previamente xogou na posición de base na NBA, foi 10 veces All-Star, cinco veces membro do primeiro Equipo All-NBA, e nove veces membro do equipo All-Defensive da NBA. Na súa honra os Brooklyn Nets retiraron o seu dorsal 5.
Kidd naceu sendo o sétimo fillo de Steve e Anne Kidd, el afroamericano, ela descendente de irlandeses. Creceu nun barrio de clase media-alta en Oakland (California). Nos playgrounds desa cidade coincidiu en numerosas ocasións con outra base xa mítico da liga, Gary Payton. Xogou ó baloncesto universitario nos California Golden Bears antes de ser elixido na 2ª posición do Draft da NBA de 1994 polos Dallas Mavericks. Foi nomeado co-Rookie do Ano da NBA na súa tempada cos Mavericks. De 1996 a 2001 xogou cos Phoenix Suns, e máis tarde cos New Jersey Nets de 2001 a 2008, ós cales levou a dúas Finais da NBA en 2002 e en 2003. A mediados da tempada 2007-08, foi traspasado de novo a Dallas, onde gañou o seu primeiro e único anel da NBA coma xogador en 2011. Tras rematar a súa carreira coma xogador nos New York Knicks na tempada 2012-13, asinou unha semana despois de retirarse cos Brooklyn Nets coma adestrador principal.
A súa versatilidade de xogo fíxoo un xogador que asinaba habitualmente triplos-dobres (é dicir, máis de dez puntos, rebotes e asistencias nun mesmo encontro) e retirouse sendo o terceiro que máis conseguiu da historia de NBA en liga regular e o segundo en play-offs. É alcumado por iso ás veces como "Mr. Triple Double", aínda que é máis habitual o sobrenome de "J-Kidd". Gañou ademais dúas medallas de ouro coa selección estadounidense, en 2000 e en 2008.