Klebsiella pneumoniae

Klebsiella pneumoniae

Colonias de K. pneumoniae en ágar MacConkey.
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Proteobacteria
Clase: Gammaproteobacteria
Orde: Enterobacteriales
Familia: Enterobacteriaceae
Xénero: Klebsiella
Especie: K. pneumoniae
Nome binomial
Klebsiella pneumoniae
(Schroeter 1886)
Trevisan 1887

Klebsiella pneumoniae é unha especie bacteriana gramnegativa, inmóbil, encapsulada, fermentadora de lactosa, anaerobia facultativa, con forma bacilar. Aínda que se encontra na flora normal da boca, pel e intestinos,[1] pode causar problemas pulmonares se é aspirada. É unha enterobacteriácea e o membro clinicamente máis importante do xénero Klebsiella. Nos últimos anos, as klebsielas están converténdose en importantes patóxenos causantes de infeccións nosocomiais (hospitalarias).

Sete especies do xénero Klebsiella mostran grandes semellanzas na homoloxía do seu ADN. Estas son: Klebsiella pneumoniae, Klebsiella ozaenae, Klebsiella terrigena, Klebsiella rhinoscleromatis, Klebsiella oxytoca, Klebsiella planticola, e Klebsiella ornithinolytica. Ademais de K. pneumoniae, tamén se demostrou a presenza de K. oxytoca e K. rhinoscleromatis en mostras clínicas humanas.

K. pneumojniae está moi relacionada con K. oxytoca, da cal se pode distinguir por ser indol negativa e pola súa capacidade de crecer con melecitosa e beta-hidroxibutirato. Vive de forma natural no solo, e aproximadamente o 30% das cepas poden fixar o nitróxeno en condicións anaeróbicas.[2] Como diazótrofo de vida libre, o seu sistema de fixación do nitróxeno foi moi estudado.

Os membros do xénero Klebsiella expresan tipicamente dous tipos de antíxenos na súa superficie celular. O primeiro é o antíxeno O, que é un compoñente do lipopolisacárido (LPS), do cal existen 9 variedades. O segundo é o antíxeno K, un polisacárido capsular con máis de 80 variedades.[3] Ambos os dous contribúen á patoxenicidade e forman a base da distribución en serogrupos.

A fermentación de lactosa pódese observar en ágar MacConkey, onde forma colonias rosas, e no medio Kliger ou TSI, onde son fermentadoras de lactosa e produtoras de gas. Na probas de Voges Poskauer para a fermentación acetónica son positivas. Por último, as súas condicións óptimas de cultivo en ágar nutritivo son 37 °C e pH 7,0.

  1. Ryan, KJ; Ray, CG, eds. (2004). Sherris Medical Microbiology (4th ed.). McGraw Hill. ISBN 0-8385-8529-9. 
  2. Postgate, J (1998). Nitrogen Fixation (3rd ed.). Cambridge University Press. ISBN 978-0521640473. 
  3. Podschun, R; Ullman, U (1998-10). "Klebsiella spp. as Nosocomial Pathogens: Epidemiology, Taxonomy, Typing Methods, and Pathogenicity Factors". Clinical Microbiology Reviews (American Society for Microbiology) 11 (4): 589–603. ISSN 0893-8512. PMC 88898. PMID 9767057. 

Klebsiella pneumoniae

Dodaje.pl - Ogłoszenia lokalne