Kobe Bean Bryant, nado en Filadelfia (Pensilvania) o 23 de agosto de 1978 e finado en California o 26 de xaneiro de 2020,[1] foi un xogador de baloncesto profesional estadounidense que xogou durante toda a súa carreira para Los Angeles Lakers na National Basketball Association (NBA). Bryant gozou dunha exitosa carreira no baloncesto de instituto, polo que decidiu tentar ingresar na NBA despois de graduarse. Foi seleccionado no posto número trece no Draft da NBA de 1996 polos Charlotte Hornets, e logo traspasado aos Lakers dos Ánxeles. Bryant e o entón compañeiro de equipo Shaquille O'Neal lideraron os Lakers para conseguir tres campionatos consecutivos da NBA, dende 2000 até 2002. Despois da saída de O'Neal ao final da tempada 2003-04, Bryant converteuse na pedra angular da franquía californiana. Bryant foi o máximo anotador da liga en 2005-06 e 2006-07, conseguindo en 2006 81 puntos nun só encontro contra os Toronto Raptors, o segundo maior número de puntos anotados nun só xogo na historia da NBA despois dos 100 puntos de Wilt Chamberlain.
Bryant foi galardoado co trofeo ao Xogador máis Valioso da tempada regular da NBA (MVP) en 2008, levando o seu equipo ás Finais da NBA como o primeiro clasificado da Conferencia Oeste, aínda que o perdeu finalmente contra os Boston Celtics. Con todo, o ano seguinte gañou o seu cuarto campionato da NBA, co que conseguiu o que sería o décimo quinto título dos Lakers, e gañou tamén o seu primeiro premio MVP das Finais. En 2008, logrou tamén a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín de 2008 como membro do equipo de baloncesto masculino dos Estados Unidos, e repetiu galardón en 2012. Dende o seu segundo ano na liga, Bryant participou en tódolos NBA All-Star Game e gañou o premio de MVP do mesmo en 2002, 2007 e 2009. En 2009, a camiseta de Bryant foi a máis vendida nos Estados Unidos, Europa e a China. Aínda que se lle coñeceu por varios nomes durante toda a súa carreira, o seu alcume era "Black Mamba". Despois de ser representado por Arn Tellem, Bryant foi logo representado por Rob Pelinka. En 2010, Bryant converteuse no máximo anotador de todos os tempos da historia dos Lakers.