Laurence John Fishburne III,[1] nado en Augusta (Xeorxia) o 30 de xullo de 1961, é un actor, produtor e director estadounidense de cine e televisión. É principalmente coñecido polo seu papel de Morpheus na triloxía de Matrix, por interpretar a Jason "Furious" Styles no drama Boyz n the Hood e a Tyrone "Mr. Clean" Miller en Apocalypse Now.
Fishburne foi o primeiro actor afroamericano en interpretar a Othello nun filme dun grande estudio cando apareceu na adaptación de 1995 de Oliver Parker. Pola súa interpretación de Ike Turner en What's Love Got to Do With It, foi nomeado ó Oscar ó mellor actor. Gañou o premio Tony pola súa interpretación en Two Trains Running (1992), e un Emmy por TriBeCa (1993).
Fishburne foi protagonista en varios clásicos de culto, incluíndo Deep Cover e King of New York. Dende 2008 a 2011, fixo o papel de Dr. Raymond Langston no drama da CBS CSI: Crime Scene Investigation, e entre 2013 e 2015 fixo do Axente Especial Jack Crawford no suspense da NBC Hannibal. No 2013, apareceu en O home de aceiro e no 2016 retomou o seu papel en Batman contra Superman: O amencer da xustiza.